O obradoiro de emprego "Carballo Coida" completa a primeira fase da formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes
O alcalde e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego mantiveron un encontro co alumnado no Fórum Carballo
Martes 21 de decembro do 2021 Carballo ao día
O alcalde e o concelleiro reuníronse co alumnado e o profesorado
Case dous meses despois do inicio da actividade, as 18 alumnas e os 2 alumnos que participan no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” inician as vacacións de Nadal tras completar a primeira fase da formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, achegáronse ata o Fórum Carballo para intercambiar impresións con alumnado e profesorado. As valoracións foron moi positivas por todas as partes.
Tanto Iván Andrade coma Evencio Ferrero animaron ás persoas que participan no obradoiro a aproveitar a formación para acadar a inserción laboral, dada a gran demanda de persoal que existe nestes momentos coa titulación que obterán os alumnos e alumnas ao remate do seu período formativo. Nese sentido, o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego expresou o interese do Concello de Carballo por consolidar a formación en atención sociosanitaria de cara a anos vindeiros. O alcalde aproveitou a visita para desexar boas festas ao persoal e o alumnado do curso.
O alumnado do obradoiro Carballo Coida deséxavos un bo Nadal
O obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” é un proxecto de formación e inserción laboral impulsado dende a concellaría de Innovación, Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, e que permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. O proxecto está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdad cunha achega de 346.946 euros para o financiamento da acción formativa, que se complementará con outra partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.
Os obradoiros duais de emprego teñen a particularidade de que as persoas participantes reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. A etapa de formación teórico-práctica ten 9 meses de duración, e dende o inicio o alumnado-traballador terá un contrato para a formación e aprendizaxe polo que percibirá unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional.
Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello de Carballo ten como entidades colaboradoras a Afaber, Aspaber, Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Íntegro e o Centro de Día da Praza de Vigo.