Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local adxudicou obras en...

A Xunta de Goberno Local adxudicou obras en varias parroquias por máis de 1 millón de euros

Na sesión ordinaria deste luns tamén se puxeron en marcha os expedientes de contratación de novas melloras por outro medio millón

Luns 20 de decembro do 2021 Carballo ao día

Pedra do Sal

Pedra do Sal

A Xunta de Goberno Local adxudicou na sesión ordinaria deste luns dous proxectos de obras que suporán un investimento superior ao millón de euros: a construción rede de abastecemento de auga potable a Pedra do Sal, que permitirá seguir avanzando na extensión do servizo pola zona costeira, e a reparación de vías secundarias nas parroquias de Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Carballo, Lema, Oza, Razo e Rus. Ámbalas dúas serán executadas pola empresa local Vázquez y Reino, cun investimento de 649.456,84 euros no primeiro caso e de 463.791,20 no segundo.

Outra infraestrutura que pretendemos levar a cabo é a mellora da rede de abastecemento das rúas Antón Fraguas, Muíño e outras da zona urbana. A Xunta de Goberno Local declarou hoxe o concurso realizado, tras presentarse unha única oferta que quedou excluída por baixa temeraria, e xa puxo en marcha un novo procedemento de contratación cun orzamento de 169.192,22 euros.

Xunto a este, tamén arrincaron hoxe os trámites para contratar outras obras: por unha banda, as de substitución da cuberta e outras melloras no pavillón deportivo do CEIP Gándara-Sofán, cun custo de 216.286,64 euros, e, por outra, as de pavimentación en varios espazos urbanos, por 129.161,73 euros. Esta última actuación está subvencionada polo Inega dentro do “Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II)” con 64.580,86 euros, que supón o 50% do investimento total.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o prego de cláusulas administrativas para o contrato privado para a enaxenación onerosa dun ben patrimonial sito na rúa Xasmíns, 25-27, valorado en 3.013,05 euros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe licenzas urbanísticas, solicitudes relacionadas con vaos e devolución de fianzas pola execución de distintos contratos, ademais destes outros asuntos:  

  • Facturas por un importe total de 100.519,51 euros.
  • Convenio de colaboración educativa entre a Universidade de Santiago e o Concello de Carballo para a realización de prácticas por parte de alumnado do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, do Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral e do Máster en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Psicoloxía Xurídico-Forense e Intervención Social.
  • Acordo de conformidade co proxecto de obra hidráulica “Realización dun by-pass no río Anllóns na zona do Muíño do Quinto”, segundo solicitude presentada por Augas de Galicia.

Compartir: