Inicio Carballo ao día Hemeroteca O cadro de oficiais da Policía Local de...

O cadro de oficiais da Policía Local de Carballo refórzase coa toma de posesión de Pedro José Cancela González

En datas próximas tamén se incorporarán aos seus postos dous novos axentes

Venres 17 de decembro do 2021 Carballo ao día

Juan Seoane, Pedro Cancela, Evencio Ferrero, Luis Caamaño e María José Fraga

Juan Seoane, Pedro Cancela, Evencio Ferrero, Luis Caamaño e María José Fraga

O equipo de oficiais da Policía Local de Carballo reforzouse esta semana coa toma de posesión de Pedro José Cancela González tras rematar a súa formación na Academia Galega de Seguridade. Na sinatura do contrato, que tivo lugar na Alcaldía, estiveron presentes, ademais de Evencio Ferrero, o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e os oficiais José Luis Caamaño Domínguez e María José Fraga Bello, que tamén tomaron posesión dos seus cargos este ano. O cadro de mandos complétase con Roberto Mosquera, xefe accidental da Policía Local.

Pedro Cancela exerceu como axente da Policía Local de Ordes dende o ano 2006 ata o 2015, no que se incorporou ao equipo da Policía Local de Carballo en comisión de servizos. Tanto os seus compañeiros coma os responsables políticos desexáronlle moita sorte no cumprimento das responsabilidades que vén de adquirir.

Dende a Concellaría de Seguridade apóstase pola mellora dos servizos policiais tanto a nivel de efectivos coma de medios materiais. Ademais de reorganizar o corpo municipal coa incorporación dos tres novos oficiais, no período 2020-2021 incorporáronse ao servizo cinco novos axentes, aos que se sumarán dous máis en datas vindeiras.

Deste xeito, o corpo da Policía Local está integrado nestes momentos por 22 policías e 4 oficiais, ademais dos 10 auxiliares que prestan servizo ao longo do ano.

A Policía Local conta con dous vehículos dotados de desfibriladores

A Policía Local conta con dous vehículos dotados de desfibriladores

O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, destacou que a idade media do corpo de seguridade se reduce dun xeito considerable, pero, sobre todo, apuntou que o incremento do persoal permitirá reforzar a presenza dos axentes nas rúas e, en consecuencia, mellorar o servizo á cidadanía.

Con ese mesmo obxectivo estase a traballar tamén na renovación da flota de vehículos, substituíndo os máis antigos por coches máis eficientes, como é o caso do vehículo híbrido adquirido o mes pasado, ou mellor dotados para a atención de emerxencias, ao contar tamén dende o ano pasado con dous coches equipados con desfibriladores.

Compartir: