CALIDADE DOS AREAIS
As análises demostran que as praias de Carballo están en condicións óptimas para o baño
Mércores 14 de setembro do 2005
Os laboratorios da delegación da consellaría de Sanidade realizan cada quince días as análises microbiolóxicas nas zonas habilitadas para o baño do concello de Carballo para comprobar o nivel de coliformes totais, coliformes fecais e estreptococos fecais. Nos informes que se lle remiten aos responsables municipais só se determinan os parámetros microbiolóxicos, o resto determínase só cando a inspección realizada na zona de baño revela un deterioro importante da calidade da auga.
Os resultados destas recollidas de mostras realízanse durante a temporada de baño, que en Galicia se considera que comeza dende primeiros do mes de xuño ata finais de setembro, e realízase no que se denomina zonas de baño habilitadas que son aquelas que contan con declaración expresa, obtida do acordo co Decreto 240/2000 da Xunta de Galicia. Carballo conta con catro zonas deste tipo, das cales a unha delas, a praia de Razo, acadou un ano máis o distintivo europeo Bandeira azul á calidade ambiental.