Repartidas 480 bolsas de compost entre as familias que participan no programa "Ti tes a chave"
O domingo e o luns instaláronse postos informativos na Milagrosa e na zona do Hospital
Martes 14 de decembro do 2021 Carballo ao día
Entre o domingo e o luns repartíronse 80 bolsas máis de compost entre as familias carballesas que participan no programa “Ti tes a chave”, que se suman ás 400 entregadas o mes pasado na rúa Coruña. Polos postos informativos, instalados nesta ocasión na Milagrosa e na zona do Hospital, pasaron tamén numerosas persoas interesadas en unirse aos programas de compostaxe do Concello de Carballo. De feito, tramitáronse 25 solicitudes de chave para o contedor marrón e 6 para novos composteiros individuais.
Co reparto de compost, o primeiro producido na planta de compostaxe de Cerceda grazas á colaboración da veciñanza carballesa, quixemos visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores de cor marrón.
Ademais da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana e na que participan xa máis de 1.000 familias e establecementos comerciais e hostaleiros, nestes momentos contamos con preto de 700 familias no conxunto das parroquias que contan con composteiros individuais. O prazo para participar en calquera das dúas modalidades de recollida selectiva dos residuos orgánicos está permanentemente aberto. Infórmate en www.carballolimpo.com.