En marcha o dispositivo especial para o partido da Copa do Rei entre o Bergantiños e o Rayo Vallecano
O Concello de Carballo instalou unha grada supletoria que permite ampliar o aforo do campo de fútbol das Eiroas ata 1.200 persoas
Martes 14 de decembro do 2021 Deporte
O alcalde achegouse hoxe ata As Eiroas
Nas Eiroas xa está todo a punto para o partido da Copa do Rei que xogarán mañá mércores o Bergantiños e o Rayo Vallecano, un cara a cara que se repite 34 anos despois e que, de seguro, volverá a facer historia. O Concello de Carballo está a traballar permanentemente en coordinación co club para que este evento deportivo se desenvolva nas mellores condicións. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ata o complexo deportivo para interesarse polo desenvolvemento dos traballos previos, nos que participan activamente a Concellaría de Deporte e os corpos de seguridade e emerxencias.
Na reunión celebrada este luns entre todas as partes quedou definido o dispositivo especial de seguridade, que inclúe o peche da rúa Bronce, no treito comprendido entre as rúas Lousa e Estaño, a partires das 16.00 horas, ademais da presenza de efectivos da Policía Local, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e do Servizo Municipal de Protección Civil.
Ademais, o Concello de Carballo vén de instalar unha grada supletoria con capacidade para 550 persoas, o que permitirá ampliar o aforo ata 1.200 espectadores/as. Tamén se reforzou a iluminación, como xa se fixo para a anterior eliminatoria.
O partido comezará ás 19.00 horas, pero as portas do complexo das Eiroas estarán abertas a partires das 17.30. As entradas están á venda hoxe de 19.45 a 21.00 horas, ata completar aforo. O prezo é de 10 euros para socios/as e de 15 para o resto do público.