Carballo é un dos exemplos da Estratexia galega de bio-residuos, presentada hoxe pola Consellería de Medio Ambiente
A día de hoxe contamos con máis de 1.300 participantes no programa “Ti tes a chave” e xa se superaron as 300 toneladas recollidas no colector marrón
Xoves 9 de decembro do 2021 Carballo ao día
O técnico asesor de Medio Ambiente (primeiro pola dereita) representou ao Concello de Carballo
Hoxe celebrouse en Santiago a xornada de presentación da Estratexia galega de bio-residuos e residuos municipais 2022-2023, organizada pola Consellería de Medio Ambiente e na que participaron unhas 150 persoas, entre representantes municipais e empresas do sector. Unha vez máis, a xestión dos residuos orgánicos por parte do Concello de Carballo serviu como exemplo, e o noso técnico asesor de Medio Ambiente, Santiago Andrade, participou nunha mesa redonda xunto a representantes da Fegamp, a Deputación de Ourense e o Concello de Santiago.
Carballo foi, de feito, un dos primeiros concellos galegos en implantar a recollida selectiva dos bio-residuos a través do programa “Ti tes a chave”, e a día de hoxe contamos con máis de 1.300 participantes e levamos superadas as 300 toneladas de materia orgánica depositada nos colectores marróns. Unha das finalidades da Estratexia galega de bio-residuos e residuos municipais 2022-2023 é, precisamente, cumprir o obxectivo fixado pola Unión Europea para que a recollida selectiva da quinta fracción estea implantada en todo o territorio a 31 de decembro do ano 2023.
No caso de Carballo ese obxectivo xa está conseguido, e o reto agora é seguir incorporando familias ao programa “Ti tes a chave”. As interesadas só teñen que dirixirse ás oficinas da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, situada nas galerías da rúa Desiderio Varela, 34, para recoller a chave, un caldeiro e bolsas compostables para facilitar o almacenamento dos residuos.
Na sesión de hoxe, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou que a Xunta convocará a vindeira semana dúas liñas de axuda dirixidas aos concellos galegos para fomentar a separación da materia orgánica.