Inicio Carballo ao día Hemeroteca A actividade urbanística centrou os...

A actividade urbanística centrou os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local

O goberno municipal tamén puxo en marcha o procedemento de contratación da nova musealización do Museo de Bergantiños

Martes 7 de decembro do 2021 Carballo ao día

Nos últimos meses tramitáronse as primeiras licenzas para edificios de pisos dende a crise inmobiliaria

Nos últimos meses tramitáronse as primeiras licenzas para edificios de pisos dende a crise inmobiliaria

A actividade urbanística centrou a Xunta de Goberno Local de hoxe, na que foron aprobadas un total de 16 licenzas: 1 de primeira ocupación, outra de parcelación e 14 de obra. Entre estas últimas figuran tres para outras tantas vivendas unifamiliares nas parroquias de Entrecruces, Oza e Ardaña e outra para a construción dun edificio de 11 pisos na Praza de Galicia, cun orzamento de 1,3 millóns de euros. O inmoble constará de dúas plantas soto destinadas a garaxe e trasteiros, baixo, cinco plantas e aproveitamento baixo cuberta.

Tamén saíu adiante a licencia de reforma e ampliación de vivenda unifamiliar en Cances para destinala a escola infantil con unha aula para bebés de 0-1 anos, dúas aulas para 1-2 anos e unha para 2-3, coas correspondentes áreas de hixiene e descanso, sala polivalente-comedor, aula multisensorial, cociña, despacho, sala de profesores, aseo, lavandería e cuarto de limpeza.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local autorizou a construción dun campamento de turismo no lugar de Monte Peados, en Razo, nunha parcela de 7.580 metros cadrados. O complexo contará con restaurante e 5 cabanas con capacidade para 22 prazas, ademais de de instalacións comúns, recepción, vestiarios, almacén, ximnasio, supermercado e outros servizos. Dentro da parcela haberá 17 prazas para acampada, zona de aparcamento de autocaravanas e espazos de deporte e lecer.

Máis acordos

Museo de Bergantiños

Museo de Bergantiños

En materia de contratación, o goberno local puxo en marcha o expediente relativo á nova musealización do Museo de Bergantiños, na que se realizará un investimento de 145.069,93 euros con cargo ao remanente de tesourería do ano 2020.

Ademais foron adxudicados varios contratos: o de servizos de mediación e asesoramento profesional de seguros privados, a Borrás-Vázquez-Cameselle Artai, Correduría de Seguros S.A.; o de adecuación ao esquema nacional de seguridade, a Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU, e o de protección de datos, a Norquality Consultores SL.

Na sesión de hoxe tamén se adoptaron estes outros acordos:

  • Aprobación de facturas por un importe total de 40.844,52 euros.
  • Adhesión do Concello de Carballo ao convenio entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración na xestión recaudatoria.
  • Solicitude de subvención á Deputación da Coruña para a realización de festivais de arte pública urbana.

Compartir: