Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal renova o...

A corporación municipal renova o compromiso da sociedade carballesa contra a violencia de xénero

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas e a aprobación unánime da Declaración Institucional, que se vén realizando dende o 2003

Martes 30 de novembro do 2021 Carballo ao día

O pleno celebrouse nun formato mixto presencial e telemático

O pleno celebrouse nun formato mixto presencial e telemático

A loita contra a violencia de xénero volveu a estar moi presente no pleno ordinario de novembro. A corporación municipal renovou o compromiso da sociedade carballesa contra unha lacra que leva arrebatadas as vidas de 1.114 mulleres dende o ano 2003, no que empezaron a contabilizarse. Ese mesmo ano o pleno aprobou por primeira vez a Declaración institucional do Concello de Carballo contra a violencia machista. Este luns, por unanimidade, os distintos grupos volveron a expresar ese compromiso, que podedes ler na imaxe inferior.

Como é habitual, o pleno de novembro comezou cun minuto de silencio na memoria das vítimas. Os membros da corporación e o persoal funcionario vestiron maioritariamente a camiseta co lema da campaña realizada este ano arredor do 25N, “E ti, en que punto estás?”, buscando o compromiso da sociedade en xeral, e dos homes en particular, contra a violencia machista.

Tamén saíu adiante, grazas ao apoio do BNG e a abstención de PP e TeGa , unha moción do PSOE na que se insta a colocar unha pancarta nun lug,ar céntrico expresando ese compromiso contra a violencia de xénero e un contador de vítimas (podes descargar a iniciativa ao final da nova).

Polo demais, a sesión estivo marcada pola súa celebración mediante un formato mixto presencial e telemático e pola unanimidade, ademais de na Declaración Institucional, nas dúas cuestións de carácter urbanístico que figuraban na orde do día: a expropiación de 5.387 metros cadrados de terreo na zona do San Martiño para levar a cabo un dos proxectos incluídos no convenio con Augas de Galicia para a prevención do risco de inundación nas beiras do Anllóns, e a aprobación inicial dunha modificación puntual do PXOM no núcleo da Brea.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa formulou varias relacionadas coa Policía Local, aparcamentos, centro de saúde, urbanismo táctico ou vías.

Descargas

Compartir: