Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local continúa coa...

A Policía Local continúa coa renovación do parque móbil cun SUV híbrido que permitirá substituír un vehículo do 2007

Martes 30 de novembro do 2021 Carballo ao día

O Concello de Carballo recibiu hoxe a última adquisición para o parque móbil da Policía Local, un vehículo SUV híbrido que permitirá substituír un turismo do ano 2007. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, puideron comprobar o funcionamento do novo vehículo, que combina características de todoterreo e turismo, e que neste caso, ademais, incorpora un extra medioambiental grazas ao motor híbrido.

A adquisición do vehículo, un Hyundai Tucson, realizouse pola modalidade de renting por un período de 48 meses. A empresa subministradora, Grupizvagle, cuxos representantes asistiron ao acto de entrega formal das chaves, asumiu a través do contrato co Concello de Carballo o aluguer do vehículo, a súa adaptación ás necesidades do servizo, seguro, mantemento integral, asistencia permanente, vehículo de substitución ou renovación de pneumáticos, entre outros.

A Policía Local de Carballo conta na actualidade con 5 vehículos en propiedade e 2 en réxime de renting. A adquisición do SUV híbrido permitirá substituír un dos coches máis antigos da frota: un Renault Megane do ano 2007.

Deste xeito, o persoal do corpo, integrado nestes momentos por 22 policías, 4 oficiais e un axente en comisión de servizos, ademais dos 10 auxiliares que prestan servizo ao longo do ano, estará dotado dun novo vehículo axeitado para realizar tarefas de vixilancia e control do cumprimento das ordenanzas relativas a limpeza e roza de terreos en todo o territorio municipal ou de control das talas de madeira.

Compartir: