Aberto ata o 14 de decembro o prazo de preinscrición para participar na Campaña de Neve da Deputación
O Concello de Carballo dispón de 11 prazas para nenos e nenas de 12 a 15 anos de idade
Martes 30 de novembro do 2021 Deporte
A campaña realizarase na estación de esquí de Valgrande-Pajares, en Asturias
O Concello de Carballo dispón de 11 prazas para a Campaña de Neve 2022 da Deputación da Coruña, que este ano celebrarase na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias. Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre 12 e 15 anos (cumpridos a 31 de decembro de 2021) e que estean empadroados no noso municipio. Os nenos e nenas de Carballo participarán na primeira quenda da campaña, do 14 ao 17 de xaneiro.
O prazo de preinscrición está aberto dende o 30 de novembro ata o 14 de decembro. A cota de participación individual establecida pola Deputación é de 85,00 €, que deberá aboarse no momento da adxudicación da praza. Ao final desta nova pode descargarse a ficha de solicitude, que debe presentarse, debidamente cumprimentada, no Concello de Carballo a través do Rexistro de Entrada.
No suposto de ter máis solicitudes que número de prazas concedidas realizarase un sorteo público o venres 17 de decembro, ás 10.00 horas, na Casa do Concello. Terán preferencia os solicitantes que non teñan participado en ningunha campaña de esquí da Deputación.