A corporación municipal dá un novo paso no proxecto de redución do risco de inundación do Anllóns
O Concello de Carballo iniciará os trámites para a adquisición do solo preciso nas ribeiras do río ao seu paso polo San Martiño
Venres 26 de novembro do 2021 Carballo ao día
Parque do San Martiño
No camiño cara a redución do risco de inundación no río Anllóns, a corporación municipal dará un novo paso no pleno ordinario de novembro coa aprobación dos trámites para iniciar o proceso de expropiación dun total de 5.387 metros cadrados de terreo na zona do San Martiño, onde está prevista a construción de motas de protección fronte ás avenidas, que tantos estragos teñen causado nese ámbito. Así o avanzou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación dos asuntos que serán debatidos o luns pola corporación municipal.
Esta nova acción forma parte dos compromisos adquiridos polo Concello de Carballo no convenio de colaboración con Augas de Galicia, dentro do cal a Administración municipal comprométese a poñer os terreos necesarios a disposición do organismo autonómico e este asume o compromiso de execución das obras necesarias. Nesa mesma liña tamén foi aprobado recentemente o proxecto de expropiación forzosa para a obtención de 280,15 metros cadrados de terreo que permitirán aumentar a canle do río Anllóns ao seu paso pola ponte da Casilla ou de Isabel II.
As actuacións previstas no convenio, que serán co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) son as seguintes:
- Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
- Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte.
- Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
- Realización dun bypass no Muíño do Quinto.
Evencio Ferrero, na rolda de prensa deste venres
Todas estas actuacións forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns, redactado por Augas de Galicia, que define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, as medidas de protección e medidas de recuperación e revisión tras producirse un episodio destas características. O orzamento está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.