A Consellería de Sanidade admite que o actual centro de saúde está saturado e opta pola construción dun novo edificio
O alcalde reuniuse hoxe co conselleiro e outros cargos da Xunta para abordar as posibles alternativas
Mércores 24 de novembro do 2021 Carballo ao día
Imaxe da reunión entre Sanidade e Concello (Foto: Xunta de Galicia)
A ampliación do centro de saúde queda desbotada. Na reunión que mantivo hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e outros cargos do seu departamento, ámbalas dúas partes coincidiron en que o actual edificio está “esgotado” e non ofrece posibilidades de ampliación. Por iso, dende a Xunta de Galicia óptase, como se viña reclamando dende o goberno municipal, pola construción dun novo edificio.
O Concello de Carballo, dentro da necesaria lealdade institucional, porá todo da súa parte para acadar a solución que permita abordar a mellora da sanidade que a poboación necesita. Nese sentido, o alcalde, que estivo acompañado polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, entregou á Consellería de Sanidade un informe no que se avalían, dende o punto de vista técnico, tres alternativas de actuación:
- Ampliación do edificio actual: A conclusión do informe é que “a necesidade de actuar sobre a totalidade do edificio coa paralización conseguinte da actividade sanitaria durante varios meses, a incidencia negativa sobre as condicións de ventilación e iluminación dos corpos edificatorios existentes, a necesidade de facer importantes reforzos estruturais aconsellan descartar a posibilidade. Dende a Consellería de Sanidade tamén se desbotou esa opción.
- Construción dun novo edificio nunha parcela anexa: Dado que os terreos da contorna do edificio están situados nun sector de solo urbanizable pendente de desenvolvemento, e que ademais figura no PXOM como de iniciativa privada, o cambio normativo preciso levaría, no mellor dos escenarios posibles, non menos de dous anos. Dende a Consellería de Sanidade, que defende esta opción, argumentouse que, dado o carácter supramunicipal do proxecto, xa que o centro de saúde sería de referencia comarcal, cabería a posibilidade legal de acurtar eses prazos. En todo caso, como indicou o alcalde, esta opción implicaría a adopción dos acordos correspondentes por parte do Consello da Xunta.
- Construción dun novo edificio nunha parcela municipal: O Concello de Carballo ofreceu como terceira alternativa unha parcela municipal situada na rúa María Barbeito, cunha superficie de 5.333 metros cadrados, que conta coa cualificación urbanística e os servizos precisos para acometer esta nova infraestrutura, polo que a construción podería ser inmediata. “No caso de optar por esta alternativa poderíamos adoptar o acordo de cesión xa no pleno deste mes”, indicou o alcalde.
Con este escenario, por parte do Concello de Carballo continuarase a disposición da Xunta de Galicia co obxectivo de axilizar a construción do centro de saúde o máximo posible.
Na xuntanza de hoxe, ademais do conselleiro de Sanidade participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trénor; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e técnicos autonómicos.