O Concello de Carballo investirá máis de 200.000 euros nun novo proxecto de mellora de vías urbanas
As obras foron adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras e teñen un prazo de execución de tres meses
Martes 23 de novembro do 2021 Carballo ao día
A empresa encargada do mantemento da rede viaria tamén estivo traballando nos últimos días en varias rúas
A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar á empresa Arias Infraestructuras as obras incluídas nun novo proxecto de reparación de vías urbanas. O Concello de Carballo investirá algo máis de 200.000 euros no arranxo dunha vintena de rúas: Orquídea, Xeranios, Enrique Labarta Pose, Otero Pedrayo, Antón Fraguas, Bolivia, Xosé Manuel Eirís, Manuel de Falla, Faustino del Río, Fernando Camarot, Reveriano Soutullo, Nardos, Pensamentos, Carré Aldao, Rosas, Caravel, Andrés Gaos, Escultor Asorey, Alfonso X O Sabio, Médico Justo Martínez, Juan Montes, Faustino Santalices, L’Isle Jourdain, Ricardo Portela e Doutor Fleming. As actuacións, polo tanto, concéntranse na parroquia de Bértoa, no barrio das Flores e nas contornas do CEIP Bergantiños e do centro de saúde, xunto a algunhas actuacións illadas. O prazo de execución será de tres meses a partir da sinatura do contrato.
Nos últimos días tamén se estiveron levando a cabo traballos de reparación en distintas rúas por parte da empresa Construcciones López Cao, adxudicataria do contrato de mantemento da rede viaria, tanto na zona urbana coma na rural, durante un período de cinco anos.
Na Xunta de Goberno Local celebrada este luns tamén foron adxudicados outros servizos e obras:
- Subministro da plataforma da Bolsa de Traballo do Concello de Carballo: Sernutec Servicios y Nuevas Tecnologías.
- Subministro de combustible para os vehículos do parque móbil municipal e maquinaria: Estación de servizo Carvolta.
- Obras de rehabilitación da cuberta e substitución da varanda da tribuna do estadio municipal das Eiroas: Covisam Norte.
- Subministro, mediante renting, de vehículo híbrido para o servizo da Policía Local: Grupivazgle.
O goberno municipal tamén aprobou facturas por importe de 73.345,65 euros, a solicitude dunha subvención para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, a actividade Carballo Trail Race 2022 ou a apertura do expediente de contratación do servizo de limpeza de edificios municipais.