Inicio Carballo ao día Hemeroteca A embaixadora de Uruguai en España foi...

A embaixadora de Uruguai en España foi recibida no Concello e mantivo un encontro con compatriotas no Pazo da Cultura

Ana Teresa Ayala Barros realizou a súa primeira visita oficial ao noso concello tras tomar posesión do cargo hai un ano

Martes 23 de novembro do 2021 Carballo ao día

Recepción na Alcaldía

Recepción na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, recibiu este luns á embaixadora de Uruguai en España, Ana Teresa Ayala Barros, na súa primeira visita oficial ao noso concello tras tomar posesión do cargo hai agora un ano. A embaixadora estivo acompañada polo cónsul Ramiro Rodríguez Bausero, que xa durante a súa estadía en Carballo do mes de setembro anunciara a intención da embaixadora de coñecer unha das principais comunidades de uruguaios/as en Galicia. Na xuntanza tamén participaron varios membros do grupo de goberno.

“Es un honor estar aquí”, asegurou Ana Teresa Ayala despois de aludir ás estreitas e históricas relacións entre os pobos uruguaio e carballés. A embaixadora valorou moi positivamente a posibilidade de retomar as xuntanzas presenciais despois dun ano marcado pola COVID-19, unhas circunstancias que tamén lle permitiron manter, para rematar a xornada, un encontro con representantes da comunidade uruguaia no noso concello.

Ana Teresa Ayala e Evencio Ferrero

Ana Teresa Ayala e Evencio Ferrero

O alcalde aludiu á importancia desa comunidade, que nalgún momento chegou a contar no noso concello con 700 membros e dúas asociacións. Hoxe, aínda que estamos moi lonxe desas cifras, Uruguai segue estando moi presente en Carballo, do mesmo xeito que o noso concello mantén unha importante colonia de residentes naquel país.

Encontro coa comunidade uguruaia

Encontro coa comunidade uguruaia

A embaixadora asinou no Libro de Honra e intercambiou agasallos co alcalde, que ademais de obsequiala coa figura do carballo de Sargadelos tamén lle fixo entrega dunha camiseta da campaña que estamos a desenvolver con motivo do 25 de novembro. Ana Teresa Ayala agradeceu especialmente este simbólico xesto.

Compartir: