Inicio Carballo ao día Hemeroteca "E ti, en que punto estás?",...

"E ti, en que punto estás?", nova campaña de Carballo para provocar a reflexión sobre as violencias machistas

Ademais de organizar actividades para diferentes públicos, este ano volvemos a optar por soportes permanentes para manter a loita do 25N todo o ano

Luns 22 de novembro do 2021 Benestar

Hoxe arrincou, coa colaboración de máis de 80 establecementos comerciais, a campaña de sensibilización social contra a violencia de xénero. Arredor do 25N apostamos unha vez máis, como explica a concelleira de Igualdade, Maica Ures, por utilizar os escaparates e as rúas como altofalantes para intentar que a loita contra o machismo chegue a toda a cidadanía.

Todos os locais estarán identificados ata fin de mes cun distintivo co lema da campaña: “E ti, en que punto estás?”, unha das preguntas que formularemos nos vindeiros días á sociedade carballesa para provocar a reflexión e mesmo a detección de violencias machistas das que moitas veces non somos conscientes. Este ano temos preparadas iniciativas para todos os públicos, pero os principais destinatarios da campaña son os homes, “porque son parte imprescindible da solución”, apunta Maica Ures.

Buscando ese punto no que homes e mulleres coincidamos no rexeitamento da violencia de xénero, o primeiro que propoñemos á cidadanía é achegarse ata a rúa Valle-Inclán, convertida, grazas á colaboración do comercio, nese espazo de reflexión e detección das violencias machistas. Na esquina coa rúa Concepción Arenal atoparás un gran panel coa definición da violencia de xénero e con diferentes tipos de violencias exercidas polos homes sobre as mulleres, moitas veces sen que nin eles nin elas sexan conscientes. Alí se deron cita hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e boa parte dos membros do goberno municipal para expresar simbolicamente o seu compromiso contra o machismo.

Ao longo da rúa tamén están colocadas bandeirolas con mensaxes simples e claras que aluden a actitudes machistas moi habituais que, sen embargo, non sempre se identifican como tales. E tamén paneis nos que se resume a filosofía da campaña.

Actividades para o día 25

A rúa Valle-Inclán será, de feito, un dos puntos centrais das actividades do día 25. O primeiro estará na Praza do Concello, que acollerá ás 12.00 horas a xa tradicional concentración pública e a lectura da Declaración institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero. E pola tarde, a partir das 16.30 horas, a rúa Valle-Inclán estará pechada ao tráfico para que a rapazada poida desfrutar coa carretilla violeta, unha proposta lúdica que inclúe contacontos, libros e xogos para nenas e nenos de 3 a 12 anos.

Ese mesmo día, nos máis de 80 establecementos participantes repartirase con cada compra, ata fin de existencias, material promocional da campaña.

Actividades para o día 30

Ademais do 25, tamén teremos actividades o día 30. Como xa viñemos anunciando nos últimos días, teremos en Carballo a Marina Marroquí, educadora social, divulgadora, activista e especialista en violencia de xénero de referencia estatal. Se tes fillos ou fillas non podes faltar ao obradoiro que ofrecerá ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Inscríbete na ligazón que atoparás máis abaixo.

O día 30 tamén se celebrará de 09.15 a 14.30 horas unha xornada de formación para profesionais na que participarán a propia Marina Marroquí, para falar dende a perspectiva da vítima; os coordinadores das Quendas de atención psicolóxica e social as vítimas de violencia de xénero de Galicia, Rubén Villar Trenco e Nerea Fernández Gómez, e a avogada e vogal da Subcomisión de violencia sobre a muller do Consello Xeral da Avogacía Española, Beatriz Núñez Vázquez, que dará a coñecer as novidades sobre a asistencia letrada ás vítimas de violencia de xénero. Tamén atoparás máis abaixo o formulario de inscrición.

E ademais de todo isto, ata fin de mes desenvolveranse obradoiros específicos con vítimas de violencia machista e levarase a campaña aos centros educativos, con lapis para que os/as máis pequenos/as poidan traballar en igualdade escribindo ou debuxando, e con accesorios para os teléfonos móbiles para os/as adolescentes coa finalidade de chamar a atención sobre unha das formas de violencia machista máis estendida nesa franxa de idade, como é a violencia dixital.

Ligazóns

Compartir: