Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo e outros 14 concellos galegos de entre...

Carballo e outros 14 concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes reivindican o seu papel estratéxico

Evencio Ferrero e Iván Andrade participaron nunha xuntanza para esixir a fin da discriminación no reparto de fondos europeos

Venres 19 de novembro do 2021 Carballo ao día

Na xuntanza estiveron representados 15 concellos galegos

Na xuntanza estiveron representados 15 concellos galegos

Carballo é un dos 15 concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, que participaron esta esta semana no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), nunha xuntanza convocada dende a Fegamp para reivindicar o seu papel estratéxico dentro de Galicia e a fin da discriminación que sofren no reparto de fondos europeos, como está a pasar cos Next Generation. O noso concello estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Innovación, Iván Andrade, que presentaron unha serie de propostas que poñen de manifesto ese papel estratéxico que están a desempeñar concellos coma o noso en diferentes áreas.

Deste xeito, aínda que estes concellos intermedios están a realizar un importante esforzo nas estratexias de mobilidade orientadas a promover a recuperación dos espazos públicos para a cidadanía, unha necesidade que quedou en evidencia coa pandemia, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana deixounos á marxe dos fondos europeos.

O noso concello estivo representado por Evencio Ferrero e Iván Andrade

O noso concello estivo representado por Evencio Ferrero e Iván Andrade

Tampouco podemos optar a eses recursos para os necesarios proxectos de eficiencia enerxética, que contribúan á implantación de fontes enerxéticas renovables e á mellora continua das infraestruturas; nin para dar resposta ás crecentes necesidades en materia de servizos sociais, que deben ser unha prioridade para todas as administracións. E o mesmo pode dicirse do deporte, que non só foi unha vía de escape durante a pandemia, senón que constitúe un xeito de fomentar os hábitos de vida saudable que debe promocionarse a través de novos programas e instalacións.

Na xuntanza participaron os concellos de Ames, Arteixo, Cambre, Cangas, Carballo, Culleredo, A Estrada, Lalín, Marín, Narón, Oleiros, Ponteareas, Porriño, Redondela, Ribeira e Vilagarcía (cuxo alcalde é o presidente da Fegamp). A Federación Galega de Municipios e Provincias estima que este grupo de concellos constitúen o grupo con maior déficit de financiamento en termos per cápita, cunha media de 127 euros por habitante, e iso malia que se trata dos concellos que experimentaron o maior aumento de poboación no que vai de século e gañaron máis veciñanza nova.

Compartir: