Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo de inscrición para...

30 DE NOVEMBRO, NO FÓRUM CARBALLO

Aberto o prazo de inscrición para profesionais e familias que queiran traballar contra a violencia de xénero con Marina Marroquí

O programa de actividades arredor do 25N inclúe unha sesión matinal con profesionais de distintos ámbitos e outra pola tarde para o público en xeral

Mércores 17 de novembro do 2021 Benestar

Marina Marroquí

Marina Marroquí

Non é o mesmo abordar o problema da violencia de xénero dende o punto de vista da vítima, dos profesionais que a atenden, dende o ensino ou dende a familia. Por iso, este ano a área de Igualdade do Concello de Carballo ten deseñado un programa de actividades que trata de "especializar" a mensaxe en función do público ao que vai dirixida. Nesa liña, o 30 de novembro teremos a oportunidade de traballar contra a violencia de xénero cunha profesional de referencia a nivel estatal: Marina Marroquí.

Ademais de vivir a violencia de xénero en primeira persoa, Marina Marroquí é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, educadora social, divulgadora, activista e especialista en violencia de xénero. É presidenta da Asociación Ilicitana contra a Violencia de Xénero ( AIVIG). Ten impartido talleres de prevención e detección de violencia de xénero a máis de 80.000 adolescentes e ofreceu formación especializada en violencia de xénero a diferentes corpos de seguridade, xurídicos e sanitarios a escala nacional. Obtivo o premio das Cortes Valencianas a unha das 25 mulleres máis importantes da historia da comunidade valenciana, o recoñecemento da Palma de Ouro da cidade de Elxe e o Premio Nacional Ana Titor para a Loita contra a violencia de Xénero (2019), entre outras distincións. Ademais, é autora do libro Eso no es amor, no que expón 30 retos para reflexionar e traballar a favor da igualdade.

O día 30 compartiremos con ela dúas actividades ben distintas. Pola mañá, no marco da Xornada sobre violencia de xénero para profesionais, ofrecerá un obradoiro titulado A formación para profesionais dende a perspectiva da vítima, que centrará boa parte da mañá, dende as 09.30 ata o descanso das 11.30. Esta actividade vai especialmente dirixida a traballadoras/es dos servizos sociais, a sanidade, a xustiza, as forzas de corpos de seguridade e outros ámbitos profesionais relacionados coa prevención, a detección ou a atención a vítimas de violencia de xénero. O prazo de inscrición segue aberto. Atoparás a ligazón máis abaixo.

Ás 20.00 horas, Marina Marroquí volverá a estar no Fórum Carballo para explicar ao público en xeral como coñecer, detectar e fuxir da violencia de xénero. "Para erradicar la violencia de género es necesario una sociedad consciente del infierno de la misma", sinala. E diso irá este segundo obradoiro, no que podes inscribirte tamén na ligazón que atoparás máis abaixo.

Tanto nunha actividade coma noutra, dado que o aforo é limitado, pregámosche que sexas responsable á hora de realizar a inscrición.

Ligazóns

Compartir: