Inicio Carballo ao día Hemeroteca 400 familias carballesas recolleron as bolsas do...

400 familias carballesas recolleron as bolsas do primeiro compost producido en Sogama

Despois deste primeiro reparto realizado polo Concello de Carballo, o xoves 25 celebrarase na nosa vila unha nova acción divulgativa organizada por Sogama

Luns 15 de novembro do 2021 Carballo ao día

Ao longo da mañá repartíronse 400 bolsas de compost

Ao longo da mañá repartíronse 400 bolsas de compost

Un total de 400 familias do noso concello que participan no programa “Ti tes a chave” achegáronse o domingo ata o posto que instalamos na rúa Coruña para recoller as súas bolsas de compost, o primeiro producido na planta de compostaxe de Sogama en Cerceda. Con esta iniciativa pioneira quixemos visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores marróns, e a acollida foi excelente. Ao longo da mañá non só se rexistraron colas para recoller as bolsas de compost, senón que tamén se entregaron moitas chaves. O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a responsable de Comunicación de Sogama, Teri Campos, foron testemuñas da boa acollida que o programa ten entre a veciñanza.

O Concello de Carballo anticipouse con esta iniciativa á Semana Europea da Redución de Residuos, que se celebrará do 20 ao 28 deste mes. Co lema “O marrón, o contedor que devolve a vida”, Sogama e a Consellería de Medio Ambiente levarán a cabo unha campaña orientada a potenciar o uso do contedor de cor marrón seis concellos, entre os que figura o de Carballo.

Teri Campos e Luis Lamas

Teri Campos e Luis Lamas

Deste xeito, o xoves 25 instalarase un punto informativo, que estará atendido por educadores ambientais especializados en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade. O posto estará operativo de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas.

Dende Sogama lembran que os concellos están obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. En Carballo levamos xa tempo traballando na xestión axeitada dos bio-residuos para, chegado o momento, cumprir cos parámetros establecidos pola Unión Europea.

Compartir: