Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un importante desprendemento inutiliza outro...

Un importante desprendemento inutiliza outro treito da pista que discorre paralela á praia de Razo

Unha filtración de auga dunha das traídas particulares existentes na zona provocou o derrubamento da calzada

Venres 12 de novembro do 2021 Carballo ao día

O derrubamento deixou ao descuberto a base de area baixo o pavimento

O derrubamento deixou ao descuberto a base de area existente baixo o pavimento

A vía que discorre paralela á praia de Razo volveu a rexistrar un desprendemento na zona da Cabreira, nesta ocasión debido, segundo os primeiros informes técnicos, a unha filtración procedente dunha das traídas particulares existentes na contorna. A pista, que xa tiña o tránsito restrinxido, queda totalmente inutilizable nese treito, que xa foi sinalizado por Protección Civil para evitar o acceso de vehículos e alertar á poboación sobre o perigo que pode supoñer achegarse a ese punto.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, achegáronse ata a zona do desprendemento para comprobar os danos, que, por sorte, só foron materiais e afectan en exclusiva á calzada. Evencio Ferrero trasladou a información, acompañada cunha reportaxe gráfica, ao xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, dadas as competencias deste organismo nese ámbito.

Os desprendementos na zona da Cabreira veñen repetíndose dende hai anos. Mesmo no pasado 2020 foi preciso acometer por parte de Costas unha serie de obras urxentes de consolidación dos noiros. Por parte da Demarcación de Costas existe o compromiso de acometer un proxecto máis amplo para abordar a necesaria protección ambiental do borde litoral de Razo mediante o tratamento e a estabilización dos noiros, a eliminación do tráfico rodado en toda a vía paralela á praia abrindo unha alternativa e a reordenación tanto dos accesos como dos tráficos e dos aparcadoiros.

Compartir: