O alumeado de Nadal acenderase o 3 de decembro para crear ambiente e contribuír á dinamización da actividade económica
Esta semana comezou a instalación dos elementos decorativos nas rúas
Xoves 11 de novembro do 2021 Carballo ao día
A colocación do alumeado comezou esta semana
Despois dun Nadal condicionado pola situación sanitaria, que impediu a celebración dalgunhas das tradicións máis arraigadas desta época do ano, dende o Concello de consideramos que é importante recuperar o espírito e o ambiente propios do Nadal e contribuír á dinamización da actividade económica. Por iso, o acendido do alumeado decorativo realizarase xa o 3 de decembro.
A instalación dos elementos luminosos que comporán a decoración especial de Nadal comezou esta semana. Ao igual que o ano pasado, no que xa se empezou coa colocación dos arcos a finais de outubro, tanto dende a empresa contratada coma dende o Concello de Carballo considerouse que era importante anticiparse tanto ao incremento da demanda que adoita rexistrarse ás portas do mes de decembro, e garantir que o alumeado estará plenamente operativo dende os primeiros días dun dos meses de máis consumo do ano.
Deste xeito, como é habitual, o alumeado de Nadal estará especialmente presente nas zonas máis comerciais, apoiando deste xeito unha actividade fundamental para a economía local. A iluminación festiva completarase nas vindeiras semanas coa presenza doutro tipo de elementos decorativos nas rúas e nos espazos públicos.