Inicio Carballo ao día Hemeroteca As familias carballesas que participan no...

As familias carballesas que participan no programa "Ti tes a chave" serán as primeiras en usar o compost producido en Sogama

O Concello de Carballo entregará este domingo, 14 de novembro, as primeiras bolsas de Galicia

Martes 9 de novembro do 2021 Carballo ao día

O Concello de Carballo anticípase á Semana Europea da Redución de Residuos, que se celebrará do 20 ao 28 deste mes, cunha iniciativa propia e pioneira que pretende visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores marróns. Deste xeito, os veciños e as veciñas do noso concello que participan no programa “Ti tes a chave” converteranse este domingo nos primeiros de Galicia en poder usar o compost producido, grazas á súa colaboración, na planta de compostaxe de Sogama.

Coincidindo coa feira, o Concello de Carballo terá instalado un posto na rúa Coruña dende as 10.30 ata as 14.30 horas para que as familias que colaboran no programa “Ti tes a chave” poidan recoller unha bolsa de compost.

Grazas á colaboración veciñal, o compost resultante dos residuos orgánicos depositados nos colectores marróns xa se está a utilizar tamén nos xardíns municipais, posto que se trata dun abono natural e de moi boa calidade.

O Concello de Carballo conta para esta iniciativa coa colaboración de Sogama, que tamén apoia o programa de compostaxe doméstica na zona rural. Nestes momentos contarmos coa colaboración de case 700 familias, pero o prazo para participar está permanentemente aberto. De feito, no posto que instalaremos este domingo na rúa Coruña tamén poderán realizarse solicitudes. O único requisito para poder dispoñer dun composteiro individual, de balde e coa formación precisa para sacarlle o máximo partido, é dispoñer dunha parcela mínima de 50 metros cadrados.

O reparto desta semana será o primeiro, pero non o único, xa que, pola súa banda, Sogama ten prevista tamén unha acción para o xoves 25.

Compartir: