A renovación do certificado EMAS avala a calidade e a sustentabilidade das nosas praias
O Concello de Carballo pretende ampliar o actual sistema de xestión ambiental aos areais de Leira, Arnela e Arnados
Domingo 7 de novembro do 2021 Carballo ao día
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Carballo a renovación do certificado EMAS (Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría) das praias de Razo, Saíñas-Baldaio e Pedra do Sal por un ano máis. Este distintivo, considerado o máis prestixioso da Unión Europea, implica, xunto co ISO 14001, un compromiso co desenvolvemento sostible do noso litoral.
A prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos ou a posibilidade de que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións son medidas garantidas por estes certificados europeos e que supoñen ir un paso máis aló das bandeiras azuis, que tamén ondearon este verán nas tres praias.
A renovación do EMAS, xunto cos resultados das analíticas das augas de baño, avalan “a calidade e a sustentabilidade das nosas praias”, tal como indicou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel, que ademais destacou a singularidade medioambiental do litoral carballés coma “un recurso que debemos aproveitar”.
Nesa política enmárcanse as diferentes accións de sensibilización que se levan a cabo nas praias carballesas, dende as campañas de prevención da COVID-19 ata a implantación da recollida selectiva de bio-residuos, o reparto de cinceiros de plástico reciclado ou as actividades do programa “Eu quero Razo- Baldaio”. A declaración ambiental do certificado EMAS, que analiza e avalía a xestión realizada no ano 2020, recolle a intención do Concello de Carballo de seguir ampliando o sistema de xestión ambiental cara as outras praias que configuran o noso litoral: Leira, Arnela e Arnados.
De cara á próxima renovación, que deberá realizarse en outubro do 2022, outro aspecto no que se está a traballar é o da ordenación dos usos, a través dos plans especiais que están en tramitación, e na mellora da imaxe turística a través de normativas como o estudo da fachada de Razo ou accións de renovación do mobiliario urbano como a que se vai acometer nos próximos meses coa substitución de 1.200 metros de pasarela de madeira, cun investimento de 175.000 euros.