Inicio Carballo ao día Hemeroteca Marina Marroquí, unha das voces contra a...

Marina Marroquí, unha das voces contra a violencia de xénero máis mediáticas do Estado, estará en Carballo o día 30

A xornada, que forma parte da programación da Concellaría de Igualdade arredor do 25N, inclúe un encontro para profesionais e outro aberto a toda a cidadanía

Venres 5 de novembro do 2021 Benestar

Marina Marroquí

Marina Marroquí

Proba a poñer o seu nome en YouTube e comprobarás que cada vídeo de Marina Marroquí ten centos de miles de visualizacións. As súas charlas son impactantes e ten unha capacidade extraordinaria para enganchar ao público. Probablemente porque sabe moi ben do que fala, porque foi vítima de violencia de xénero dende os 15 ata os 19 anos. “A mí me pegaron, me quemaron, me violaron, me dejaron en un descampado, me asfixiaron, me insultaron, me humillaron. Yo siempre digo que basicamente soy el ejemplo a no seguir, porque hice todo lo que no hay que hacer”, relata. O día 30 terémola en Carballo. Non foi doado, porque a súa axenda está sempre chea, pero por fin chegou a nosa quenda.

Dende a Concellaría de Igualdade temos o convencemento de que a súa experiencia pode ser de gran axuda, e por iso programamos dúas actividades con Marina Marroquí. Pola mañá participará nunha xornada de traballo con profesionais de distintos ámbitos e pola tarde terémola nun acto aberto a toda a cidadanía pero de especial interese para as familias, no que teredes que inscribirvos previamente.

“Lo más duro no es vivir la violencia de género, sino sobrevivir a ella”, di Marina Marroquí. Por iso é clave identificar os primeiros sinais para poder saír desa situación antes de que empeore, e non nos cabe dúbida algunha de que é a persoa axeitada para axudarnos a identificalos.

Marina Marroquí é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, educadora social, divulgadora, activista e especialista en violencia de xénero. É presidenta da Asociación Ilicitana contra a Violencia de Xénero ( AIVIG). Impartiu talleres de prevención e detección de violencia de xénero a máis de 80.000 adolescentes e ofreceu formación especializada en violencia de xénero a diferentes corpos de seguridade, xurídicos e sanitarios a escala nacional. Obtivo o premio das Cortes Valencianas a unha das 25 mulleres máis importantes da historia da comunidade valenciana, o recoñecemento da Palma de Ouro da cidade de Elxe e o Premio Nacional Ana Titor para a Loita contra a violencia de Xénero (2019), entre outras distincións. Ademais, é autora do libro Eso no es amor, no que expón 30 retos para reflexionar e traballar a favor da igualdade.

Vídeos

Compartir: