Inicio Carballo ao día Hemeroteca Valentín González Formoso e Evencio...

Valentín González Formoso e Evencio Ferrero asinan o protocolo polo que a Deputación investirá 1,7 millóns na última fase das obras da travesía de Sísamo

Representantes da veciñanza da parroquia asistiron ao acto, que tivo lugar na sede da institución provincial

Venres 5 de novembro do 2021 Carballo ao día

Veciñanza de Sísamo, alcalde, concelleiro de Obras e presidente da Deputación, tras a sinatura do protocolo

Veciñanza de Sísamo, alcalde, concelleiro de Obras e presidente da Deputación, tras a sinatura do protocolo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o protocolo polo cal a institución provincial asumirá os 1,7 millóns de euros de investimento para acometer a  terceira e última fase do proxecto de mellora da travesía de Sísamo, en Carballo.

O acto oficializa o compromiso adquirido onte durante visita do presidente á zona para supervisar xunto ao alcalde e a veciñanza o resultado das obras xa realizadas e o último tramo que será obxecto desta importante actuación.

Na sinatura do acordo estiveron representantes da Asociación de Veciños de Sísamo, que expresaron a súa satisfacción por un “acordo histórico”, tras moitos anos reivindicando esta necesaria mellora.

González Formoso destacou que o investimento total das tres fases (preto de 2,7 millóns de euros) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.

José Manuel Pequeño, Valentín González e Evencio Ferrero, no acto de hoxe

José Manuel Pequeño, Valentín González e Evencio Ferrero, no acto de hoxe

No acordo asinado hoxe, a Deputación comprométese a completar a última fase das obras de mellora da estrada DP-1901 desde o PK 0+810 ata o remate do vial no PK 2+570, no lugar do Outeiro. Pola súa banda, o Concello de Carballo comprométese a facerse cargo da titularidade da estrada unha vez rematada esta derradeira fase das obras.

A Deputación da Coruña xa acometeu as dúas fases previas deste importante proxecto de mellora nas que se leva investido máis de 1 millón de euros e que supuxeron unha notable mellora no tramo máis urbano desta travesía. Agora completará a totalidade da vía nesta terceira fase, que seguirá a mesma liña das anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de novos servizos urbanos, entre eles o alumeado público.

Compartir: