Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo recoñece ás mulleres...

Carballo recoñece ás mulleres artesás cun mercado especialmente dedicado a elas os días 13 e 14 de novembro

O 2º andar do Mercado Municipal acolle unha cita coa artesanía e a música tradicionais con obradoiros, concertos e actividades para a cativada

Venres 5 de novembro do 2021 Mercado Municipal

O sábado 13 e o domingo 14 de novembro Carballo celebra o Mercado de Mulleres Artesás, unha cita na que render homenaxe a este colectivo a través dun evento no que haberá espazo para desfrutar da artesanía e a música tradicionais con numerosas actividades, tamén para os máis cativos e cativas. O obxectivo deste mercado é o de poñer en valor e reivindicar o gran labor que levan facendo dende sempre as mulleres artesás, e tamén ver como as novas xeracións seguen tomando o relevo destas profesións, adaptándose aos novos tempos.

O 2º andar do Mercado Municipal converterase nunha mostra de artesanía e deseño nunha viaxe pola tradición de palilleiras, redeiras ou sancosmeiras, pero no que tamén haberá cabida para ver a evolución do sector e os vimbios de futuro. Todos os postos terán mulleres á fronte, incluíndo a cinco de Carballo: Marilá Gómez Caamaño con olería, Isabel Andrade con xoiería, Rakelúa con coiro, Vivo Macramé (Nuria Varela) con macramé e Amigurumicri con crochet. En total serán arredor de 30 artesás que porán á venda e amosarán o seu traballo ao público entre as 12.00 e as 21.00 h.

Exposicións, reportaxes, obradoiros…

A cita complétase con numerosas actividades paralelas que durante dous días encherán de vida o Mercado Municipal. O día da apertura está previsto inaugurar unha exposición fotográfica sobre as mulleres artesás e tamén proxectar unha reportaxe documental con entrevistas coas máis veteranas que ofrecen unha interesante visión das súas profesións. Ademais, tanto o sábado coma o domingo haberá sesión vermú e actuacións musicais vespertinas con pandereteiras, Djs e mesmo poesía.

O programa contará tamén con obradoiros para público adulto e tamén para a cativada. Entre eles, un obradoiro de trenzado impartido polas sancosmeiras e outro de bordado con Lúa Mosquetera. E para nenas e nenos, haberá pinta caras tanto o sábado coma o domingo coa artista coruñesa Mamen Bazarra; e o domingo, un obradoiro de crebas sobre como converter os refugallos nunha obra de arte.

Aproveitando a proximidade das datas de Nadal, o 2º andar do Mercado contará así mesmo cun posto especial, o de Cruz Vermella Carballo. O obxectivo é a recollida de doazóns de alimentos non perecedoiros e xoguetes. Como cada ano, prégase que os xoguetes estean en bo estado. Quen así o desexe, poderá entregalos no Mercado e a cambio, e ata fin de existencias, recibirá unha camiseta ou unha bolsa de merchandising do Mercado de Mulleres Artesás.

PROGRAMA

  • Sábado 13 de novembro
12:00- Apertura do evento coa inauguración dunha exposición e a proxección dunha reportaxe sobre mulleres artesás.
13:00- Sesión vermú con pandereteira e Sñra. Dj: percorrido dende a música máis tradicional ata as novas tendencias musicais emerxentes de Galicia.
16:00-20:00 - Pinta caras para os/as cativas levada a cabo pola artista coruñesa Mamen Bazarra.
17:00-18:00- Obradoiro de trenzado impartido polas sancosmeiras.
19:00-20:00- Actuación de pandereteira.
20:00-21:00- Peche con Sñra. Dj: percorrido dende a música máis tradicional ata as novas tendencias musicáis emerxentes da nosa comunidade. 
  • Domingo 14 de novembro
12:00- Apertura do mercado
13:00-15:00- Sesión vermú con Beta B2B Riquiña, parella de dj´s emerxentes afincadas en Santiago de Compostela, con ritmos de música electrónica e experimental con folclore, ata pop con techno.
16:00-20:00- Pinta caras para a cativada: levada a cabo pola artista coruñesa Mamen Bazarra.
17:00- 18:00- Obradoiro de crebas para a cativada: taller creativo de como converter os residuos nunha obra de arte.
16:30- 17:30- Obradoiro de bordado con Lúa Mosquetera.
19:00-20:00- Actuación da poeta Lúa Mosquetera.
20:00-21:00- Sesión final con Beta B2B Riquiña, parella de DJs emerxentes afincadas en Santiago de Compostela con ritmos de música electrónica e experimental con folclore, ata pop con techno.

Compartir: