Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde acompañou ao secretario xeral da...

O alcalde acompañou ao secretario xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia nunha visita á oficina do DNI

A Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo celebrará o próximo mes de marzo o seu quinto aniversario

Mércores 3 de novembro do 2021 Carballo ao día

Coincidindo coa ampliación do cadro de persoal tras a recente incorporación dunha nova funcionaria, o secretario xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia, Odilio Fernández Losada, realizou hoxe unha visita á Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero.

O servizo cumprirá cinco anos o 20 de marzo do ano que vén, e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade moi elevada. De feito, entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2020 foron tramitados máis de 50.000 documentos.

Tanto o responsable da Policía coma o alcalde destacaron unha vez máis o bo funcionamento e a excelente acollida que tivo o servizo, hoxe plenamente consolidado, entre a poboación. A maior parte das persoas que o utilizan son veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, pero a oficina de Carballo xa é un punto de referencia a nivel supracomarcal.

A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas. As persoas que precisen tramitar o DNI ou pasaporte poden pedir cita telematicamente dende a páxina www.citapreviadnie.es ou mesmo de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes. Para realizar a expedición da documentación é preciso achegar unha fotografía actualizada e, se é necesario actualizar o enderezo do domicilio, xustificante de empadroamento.  

Compartir: