Inicio Carballo ao día Hemeroteca A ampliación das prazas nun 33% permite...

A ampliación das prazas nun 33% permite eliminar a listaxe de agarda para o programa "Xantar na Casa"

O servizo autonómico, destinado a persoas dependentes, funciona no noso concello dende o ano 2009

Mércores 3 de novembro do 2021 Benestar

O Concello de Carballo e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar veñen de asinar un novo convenio de colaboración que permite ampliar de 60 a 80 as prazas do programa Xantar na Casa. Deste xeito podemos eliminar a listaxe de agarda e prestar o servizo a todos os veciños e veciñas do noso concello que o tiñan solicitado.

Xantar na Casa é un programa autonómico que botou a andar en outubro do ano 2008, e que no noso concello está en funcionamento dende finais do 2009. Mediante este servizo de comida a domicilio é posible garantir unha alimentación adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús, e ás que se lles ofrece un menú personalizado e adaptado ás súas necesidades.

Ademais de proporcionar ás persoas beneficiarias unha alimentación nutritiva e de calidade, o programa Xantar na Casa pretende evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores e/ou dependentes por teren unha dieta inadecuada, previr situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida e facilitar un respiro ás familias e persoas coidadoras, facilitando a conciliación.

Deste xeito, o servizo vai destinado a persoas residentes no concello que cumpran algún dos seguintes supostos:

  • Maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e carezan de rede de apoio para suplir esa situación.
  • Persoas dependentes sen apoio familiar e que requiren de axuda para a preparación dos alimentos.
  • Menores de 60 anos en situación de exclusión social, previa avaliación da necesidade.

O custo do servizo é de 7,5 euros por persoa e día. Desta cantidade, o Consorcio achega o 46,66%; o Concello, o 26,67%, e a persoa beneficiaria, o outro 26,67%.

Máis información na área de Igualdade e Benestar ou no 981 704 706, e tamén no 900 400 429.

Descargas

Compartir: