DO 3 AO 7 DE NOVEMBRO
Carballo acode ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar con showcooking, degustacións e stand propio
Pan, conservas, chocolates e licores artesanais de elaboración local configuran unha oferta irrepetible!
Sábado 30 de outubro do 2021 Carballo ao día
O pan, as conservas, o chocolate, a empanada, o pan de ovo e unha mostra do bo facer da hostalaría carballesa estarán presentes na 22ª Feira internacional de turismo gastronómico Xantar. A cita ten lugar en Ourense do 3 ao 7 de novembro, e Carballo, a través da Concellaría de Turismo e Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, contará cun stand propio no que exhibiremos o mellor da nosa gastronomía e promocionaremos a nosa ampla oferta turística. O obxectivo é aproveitar esta excelente plataforma para dar a coñecer todas as posibilidades do municipio como destino.
O posto de Carballo estará aberto a diario no horario da feira, de 12.00 a 21.00, agás o domingo, o último día, no que se pecha ás 19.00 h. Os e as visitantes a Xantar poderán atopar no noso posto unha selección de produtos das panadarías carballesas, ademais dunha mostra de Chocolates Mariño, Conservas Calvo e licores Borja Bello. Ademais, ofreceremos información turística xeral sobre Carballo: mar, praias, lecer, arte urbana, surf, termalismo, férvedas, patrimonio…
Por último, o programa de Carballo en Xantar complétase con desgustacións de produtos das panaderías da vila e cun showcooking. As degustacións serán todos os días ás 13.00 h. con pan, pan de ovo e empanada. O showcooking terá lugar no stand da Deputación da Coruña e correrá a cargo do chef Xusto Posse Rodríguez, do restaurante carballés Albaroque. Será o día de apertura, o mércores 3 de novembro ás 19.00 h., con este suxestivo título: “Sabores da gastronomía local: bacallau ao pil pil con fabiñas de Carballo”. Sen dúbida, unha maneira de dar a coñecer a excelente e variada oferta gastronómica do noso concello e de deixar ao público de Xantar con gañas de probala.