Inicio Carballo ao día Avisos En marcha o servizo de atención...

En marcha o servizo de atención individualizada ás persoas titulares de solo afectado polo plan especial de Pedra do Sal

Mércores 27 de outubro do 2021

Tras a publicación do anuncio de información pública do Plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección da súa contorna no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 22, esta semana comezou o prazo legal de dous meses para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e, de ser o caso, presentar as alegacións que estimen oportunas. De xeito paralelo, o Concello de Carballo pon a disposición dos/as titulares catastrais dos terreos afectados un servizo de atención ao público individualizado.

O equipo redactor comezou este martes coas citas, que deben solicitarse previamente no número de teléfono 981704705. O servizo estará dispoñible durante o período de información pública todos os martes, de 17.00 a 20.00 horas, e os mércores, de 09.30 a 13.30 horas, no Fórum Carballo. As persoas que non poidan desprazarse ao Fórum Carballo poderán solicitar cita telemática. En todos os casos é imprescindible achegar a notificación individual, na que figuran os datos da parcela.

Ao mesmo tempo, continúan as sesións informativas no Centro Social de Imende. Por terceira semana consecutiva, mañá xoves o equipo redactor ofrecerá a información correspondente ás persoas que formalizaron a súa inscrición durante o período habilitado con esa finalidade.

O plan especial de Pedra do Sal abrangue un ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural, no que, tal como se establece no PXOM, non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.

Compartir: