O Concello de Carballo pon a punto o cemiterio municipal para a celebración de Defuntos ao tempo que avanza a ampliación
O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos realizaron unha nova visita ao camposanto
Martes 26 de outubro do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas fixeron un percorrido polo cemiterio para ver as melloras realizadas
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha visita ao cemiterio municipal dentro do programa de seguimento das obras de ampliación que se están a levar a cabo, pero tamén para comprobar a posta a punto do camposanto de cara á inminente celebración de Defuntos, que concentra a maior afluencia do ano. Aínda que o mantemento do cemiterio é permanente, moi ben valorado por parte da veciñanza, este ano deuse un paso máis co pintado dos panteóns para seguir dignificando o espazo.
Nos terreos anexos adquiridos polo Concello de Carballo avanzan tamén as obras de ampliación, aínda que os problemas de desabastecemento que teñen en vilo ao sector da construción a nivel estatal tamén empezan a notarse no noso concello, e esta é unha das obras prexudicadas debido aos retrasos no subministro de materiais.
As obras de ampliación avanzan a moi bo ritmo
Nesta primeira fase, que está a executar a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 647.000 euros procedente do remanente de tesourería do ano 2019, está prevista a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo, que se seguirá desenvolvendo nos vindeiros anos para dar resposta á gran demanda existente, inclúe nove bloques de niños _dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados_ e cinco de columbarios. Tanto nun caso coma noutro, a disposición dos nichos será en catro alturas e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo actual. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.