Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cabazas volven ás zonas verdes para...

As cabazas volven ás zonas verdes para celebrar o Samaín e implicar aos nenos e nenas no coidado dos xardíns

Este ano habilitamos catro zonas para que a rapazada poida colocar as súas cabazas decoradas

Martes 19 de outubro do 2021 Carballo ao día

Carlos Iglesias e Evencio Ferrero, na Praza de Galicia

Carlos Iglesias e Evencio Ferrero, na Praza de Galicia

Coincidindo coa colocación das primeiras cabazas na Praza de Galicia, hoxe arrincou unha nova edición da campaña “Presume de xardíns”, na que contamos coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto polas zonas verdes e os espazos públicos. O xerente de Dixardín, Carlos Iglesias, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa, que se enmarca dentro dun programa anual de actividades relacionadas coa natureza e o medio ambiente denominado “Catro estacións”.

Ademais da decoración que poderedes ver nos próximos días tanto na Praza de Galicia coma na da Cruz Vermella, unha vez máis queremos convidar aos nenos e nenas a participar na decoración dos xardíns para implicalos no coidado das zonas verdes tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, fomentando ademais a creatividade infantil.

Unha das catro zonas habilitadas para que poidades colocar as vosas cabazas

Unha das catro zonas habilitadas para que poidades colocar as vosas cabazas

Con esa finalidade, despois da boa acollida da experiencia que levamos a cabo o ano pasado na contorna do CEIP Bergantiños, este curso reservamos catro espazos para que os nenos e as nenas (e, por suposto, as persoas adultas que o desexen) poidan contribuír á decoración dos xardíns coas súas cabazas decoradas: a rúa Eduardo Pondal, a rúa Campo da Feira, o Parque do Anllóns e o Parque do Chorís. A colocación farase por libre, pero só nas zonas sinalizadas con letreiros como o que podedes ver na imaxe. Así seguiremos enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín.

Ademais da colocación das cabazas, nesta época os protagonistas dos xardíns municipais son os crisantemos, polo que poderedes ver numerosos exemplares de "Chrysanthemum indicum" en diferentes cores. E, por primeira vez, no acondicionamento das zonas verdes podemos utilizar compost producido polos veciños e as veciñas do noso concello que participan nos programas de compostaxe que temos activos tanto na zona rural coma na urbana. Para que todas e todos poidan ver o resultado da recollida selectiva de materia orgánica, o 4 de novembro instalaremos un posto coincidindo co mercado semanal para repartir bolsiñas de compost ás persoas colaboradoras.

Compartir: