Comezaron as reunións informativas sobre o plan especial de Pedra do Sal previas ao período de información pública
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, participaron nas xuntanzas
Venres 15 de outubro do 2021 Carballo ao día
As reunións celébranse no Centro Social de Imende
O Centro Social de Imende foi escenario das primeiras reunións informativas sobre o plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección do seu entorno, que teñen como finalidade, dentro do proceso de participación veciñal permanente, aclarar as dúbidas que poida ter a veciñanza, que aínda disporá de dous meses, a partir da apertura do prazo de información pública, para consultar o documento e presentar alegacións.
Nas sesións desta semana, ademais do equipo redactor do plan, participaron técnicos municipais, o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Milagros Lantes. Dadas as medidas de prevención da COVID-19, o aforo é limitado, polo que, coa finalidade de facilitar a asistencia das máis de cen persoas inscritas, están previstas máis xuntanzas nas próximas semanas.
O plan especial de Pedra do Sal, elaborado polo estudo Monteoliva Arquitectura, define o desenvolvemento dun ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nunha das áreas máis sensibles do territorio carballés. Tras a aprobación inicial, a partir da publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia abrirase un prazo de información pública durante dous meses para que as persoas interesadas poidan consultar o documento e presentar as alegacións que consideren oportunas. As persoas titulares dos terreos afectados serán notificadas individualmente. Ao mesmo tempo, dende o Concello de Carballo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos ás administracións con competencias na zona afectada.
Tal como se establece no Plan Xeral de Ordenación Municipal, no ámbito do plan especial non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.