SÓ HAI 5 PARCELAS EN VENDA
A Xunta de Galicia licita a redacción do proxecto sectorial para a ampliación do polígono de Bértoa
O procedemento de contratación arrinca con catro meses de retraso con respecto aos prazos anunciados en maio pola conselleira Ánxeles Vázquez
Venres 15 de outubro do 2021 Carballo ao día
A Xunta de Galicia publicou hoxe no seu perfil do contratante o anuncio de licitación da redacción do proxecto sectorial preciso para acometer a tan necesaria ampliación do polígono industrial de Bértoa. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 29 de novembro para presentar as súas propostas ata un prezo máximo de 78.650 euros.
Coa publicación deste 15 de outubro arrinca o procedemento anunciado no mes de maio pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, aínda que catro meses máis tarde do previsto.
A ampliación do polígono de Bértoa é, a día de hoxe, unha urxencia, xa que só quedan dispoñibles cinco parcelas, segundo a información que pode consultarse na páxina web de Xestur. A principios deste ano había 20, pero o parque empresarial carballés continúa no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo.
Nestes momentos está en tramitación o cambio da normativa que afecta ás dúas parcelas de 13.214 e 9.384 metros cadrados para que pasen a ser de uso terciario a uso industrial, e que se sumarían ás cinco que están á venda. O último trámite realizado foi a publicación, no DOG do 13 de agosto, do informe ambiental estratéxico.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, insistiu na necesidade de que haxa novo solo industrial a disposición dos emprendedores e emprendedoras o antes posible, e recalcou que, dada a situación estratéxica do noso parque empresarial e o desenvolvemento que está a experimentar, especialmente nos últimos anos especialmente, “a aposta da consellería será unha aposta claramente gañadora”.