Arrincan as obras de reurbanización que permitirán poñer en valor un espazo tan singular coma a contorna do balneario
Venres 15 de outubro do 2021 Carballo ao día
Rúa Ourense
A partir do luns 18 estará pechada ao tráfico a rúa Ourense, no treito comprendido entre Baños Vellos e Perú, para iniciar as obras de reurbanización que permitirán poñer en valor a contorna do balneario. O proxecto que se acomete agora, e que executará a empresa Excavaciones y Obras Candal, desenvolverase nas rúas Ourense e Baños Vellos, pero xa está adxudicada tamén a reurbanización da rúa Pontevedra, que comezará de seguido. O investimento aproxímase en total aos 450.000 euros.
Esta primeira intervención consistirá na reurbanización das rúas Baños Vellos e Ourense, nas que o tráfico quedará restrinxido a residentes, vehículos de distribución e de emerxencia. As dúas rúas serán de plataforma única. Tamén se renovarán as redes de saneamento e complementaranse as de gas, electricidade, telecomunicacións, alumeado e rega. O proxecto tamén prevé a plantación de arborado, e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte, no encontro das rúas, que será o elemento central dunha intervención artística para rememorar a historia termal do ámbito.
A actuación permitirá, ademais de recuperar unha parte fundamental da nosa historia, mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria, seguindo a liña de intervencións urbanas nas que está a traballar o Concello de Carballo nos últimos anos, e ademais eliminaranse as deficiencias existentes nos servizos urbanísticos.
Para completar a reurbanización da zona, xa están aprobados tamén os proxectos para as rúas Estrela, Lugo e Chile, nas que investiremos outros 250.000 euros.