Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo e a Asociación...

O Concello de Carballo e a Asociación Antidroga Vieiro renovan o convenio de colaboración contra a exclusión social

Venres 15 de outubro do 2021 Benestar

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro, que estivo representada pola súa presidenta, Fina Rey, e por Xosé María Arán. Ao acto, celebrado este mediodía na Alcaldía, asistiu tamén a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. O Concello realizará unha achega de 6.000 euros para financiar o programa de prevención da exclusión social que promove a entidade, cuxa directiva agradeceu a colaboración municipal.

Ademais do convenio de colaboración para loitar contra a exclusión social, a Asociación Vieiro tamén recibe este ano 6.786 euros para o desenvolvemento do programa “Quéreme ben”, neste caso con cargo á liña de subvencións convocada pola Concellaría de Igualdade e Benestar para as entidades que desenvolven o seu labor no ámbito social.

Con cargo a este programa, o Concello de Carballo vén de aprobar un total de 14 subvencións para outras tantas entidades por un importe total de 60.000 euros.

Compartir: