A ACTUACIÓN NO ESPAZO CONTINUARÁ NOS VINDEIROS DÍAS
Artistas locais súmanse ao proxecto de urbanismo táctico que estamos a desenvolver na contorna do CEIP Bergantiños
Nerea Rama e Isa Bermúdez aproveitaron a ponte para pintar xogos nas zonas gañadas para a rapazada
Martes 12 de outubro do 2021 Carballo ao día
Imaxe desta mañá
Aproveitando a ponte, as artistas locais Nerea Rama e Isa Bermúdez puxeron o seu gran de area no proxecto de urbanismo táctico que estamos a desenvolver na contorna do CEIP Bergantiños pintando sobre o asfalto diferentes xogos infantís. A actuación forma parte das medidas impulsadas dende a Concellaría de Mobilidade para mellorar a seguridade nas zonas escolares, e continuará nos vindeiros días, tal como indica o titular da área, Juan Seoane, ata completar o acondicionamento dos dous novos espazos creados.
Por unha banda, na entrada principal do colexio habilitouse unha área de estancia con bancos e xardineiras para evitar a presenza de vehículos e facilitar a espera á entrada e á saída, e agora tamén hai xogos no chan para que os nenos e as nenas poidan aproveitar os minutos de agarda na porta. Pero a principal actuación estase a levar a cabo xunto ao parque infantil da praza Eduardo Pondal, que se ampliou grazas á eliminación dun dos dous carrís de circulación, conseguindo deste xeito un dobre obxectivo: reducir o tráfico e a velocidade de circulación, por unha banda, e estender a zona de xogos, por outra. Nesa zona agora hai mariola, zona de salto de lonxitude, zona de velocidade e outros divertimentos tradicionais que complementan os elementos lúdicos do propio parque.
A principal característica deste tipo de actuacións, que tamén se levaron a cabo na zona do IES Isidro Parga Pondal o curso pasado, é que con mobiliario urbano e pintura conseguimos mudar os usos do espazo urbano. E, ademais, como os elementos que se utilizan non son permanentes, no caso de que sexa preciso realizar cambios ou axustes, pode facerse dun xeito sinxelo e económico.
Nos vindeiros días seguiremos enchendo de cor esas novas zonas peonís que permiten á veciñanza, e dun xeito moi especial á infancia, converterse en protagonista do espazo público. Aínda que o proxecto non está totalmente rematado, os xogos xa están dispoñibles dende hoxe, e como puidemos comprobar ao longo da mañá, son un éxito!