Máis de 130 persoas asisten en Carballo á xornada pública do 8º Congreso Cidades que Camiñan
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, inauguraron o evento
Venres 8 de outubro do 2021 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Miguel Anxo Fernández Lores inauguraron o congreso
O 8º Congreso Cidades que Camiñan reúne hoxe en Carballo a máis de 130 persoas chegadas dende 30 municipios de todo o Estado. A altísima participación é unha das características deste primeiro congreso post-covid, que está a converter o noso concello na capital das vilas e cidades que apostamos por unha mobilidade máis sostible e pola recuperación do espazo público para a cidadanía.
“Estivemos construíndo cidades que expulsan aos cidadáns, que son perigosas e que impiden a autonomía persoal, e é a nosa obriga, como representantes da cidadanía, reverter esa situación”, sinalou Fernández Lores na inauguración da xornada, na que estivo acompañado por Evencio Ferrero.
Ao longo da intensísima xornada matinal, o 8º Congreso Cidades que Camiñan reuniu a nomes de referencia internacional en materia de mobilidade, dende o mediático arquitecto Pedro Torrijos, “gurú” de Twitter, ata o xeógrafo Màrius Navazo ou o xornalista José Manuel Pan, cuxas intervencións deron pé á exposición dos distintos modelos de mobilidade que están a poñer en práctica cidades coma Logroño, San Cristóbal de la Laguna, A Coruña, Getafe, Pamplona, Pontevedra e, por suposto, Carballo.
Despois da asemblea xeral da tarde de onte, na que foi elixida a cidade de Palma de Mallorca como sede do congreso do 2022, a cita coa mobilidade que vén continúa hoxe durante toda a tarde con máis relatorios e mañá pola mañá cunha ruta guiada pola arte urbana de Carballo.