INSCRÍBETE!
O Concello de Carballo aposta pola formación para o emprego con dous novos cursos de cociña e soldadura
As accións formativas, que se impartirán no Fórum Carballo a partir do vindeiro mes, van destinadas de xeito prioritario a persoas desempregadas
Venres 8 de outubro do 2021 Carballo ao día
Se estás no paro e queres ampliar a túa formación para ter máis opcións de acceder ao mercado laboral, toma nota dos próximos cursos para persoas desempregadas que poremos en marcha no Fórum Carballo. Dentro do plan para o emprego que subvenciona a Xunta de Galicia, en novembro arrincarán dúas novas accións formativas nas especialidades de soldadura e cociña.
Por unha banda, dende o Concello de Carballo seguimos apostando pola profesionalización do sector da hostalaría cun novo curso de cociña de 828 horas de duración. A iniciativa desenvolverase nas instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, consideradas das mellores de Galicia.
As dúas modalidades formativas polas que apostamos figuran entre as que teñen máis demanda de man de obra no mercado laboral. Ademais de cociña, o mes que vén tamén arrincará un curso de Soldadura con eléctrodo revestido e TIG, de 758 horas de duración. Neste caso tamén está previsto un módulo de prevención de riscos laborais de 60 horas. O alumnado poderá formarse nun taller equipado coa tecnoloxía máis avanzada, utilizada por empresas punteiras como Siemens ou Mercedes.
Os cursos enmárcanse dentro do nivel II de cualificación, polo que para poder acceder a eles é necesario estar en posesión da ESO ou ter as competencias clave do nivel II superadas. Ademais, ao finalizar a formación obterase o correspondente certificado de profesionalidade.
As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Emprego de Carballo ou ben a través da Oficina virtual de emprego, na web emprego.xunta.gal. De igual xeito, no caso de que se precise máis información poden chamar ao 981 709 011, de luns a venres de 08:30 a 14:30 (Fórum, 2º andar).