Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os concellos de Logroño e Soria...

Os concellos de Logroño e Soria recollerán no congreso de Carballo os galardóns Cidades que Camiñan 2021

A Rede decidiu outorgar tamén un premio honorífico a París polo seu liderado mundial na transformación das grandes cidades en espazos máis sostibles

Xoves 7 de outubro do 2021 Carballo ao día

A entrega dos premios realizarase no auditorio, que xa está listo para o congreso

A entrega dos premios realizarase no auditorio, que xa está listo para o congreso

París, Logroño e Soria conforman o trío de municipios galardoados co Premio Cidades que Camiñan 2021. É o resultado da deliberación do xurado no caso das dúas últimas, e da decisión da Rede de Cidades que Camiñan no caso do premio honorífico, para o que se elixiu o municipio que preside Anne Hidalgo pola enorme visibilidade internacional que consegue no camiño de transformar o espazo público das grandes cidades.

O premio honorífico foi comunicado á Alcaldía de París, que respondeu mostrando o seu orgullo e gratitude polo recoñecemento. Os premios a Logroño e Soria entregaranse no marco do 8º Congreso da Rede, que se celebra este venres no Pazo da Cultura de Carballo coa participación de máis de cen persoas chegadas dende unha trintena de municipios de toda España e México.

O xurado deste ano estivo composto polo arquitecto Pedro Torrijos, a enxeñeira Paula Teles e o xeógrafo Màrius Navazo, que serán tamén tres dos relatores da xornada pública do congreso.

LOGROÑO

Na categoría de municipios grandes, con máis de 100.000 habitantes, o galardón recaeu en Logroño, polas seguintes razóns que esgrimiu o xurado:

  1. O gran número de actuacións executadas que melloran a camiñabilidade na cidade, desde a peonalización de rúas, ao acougado do tráfico, as melloras de pasos peonís ou o ensanche de beirarrúas en puntos cruciais como as pontes.
  2. A gran transformación das políticas de mobilidade integradas nun PMUS.
  3. feito de ser un plan de acción que existe desde hai tempo, moi integrado, transversal, moderno que se pon en valor para responder a unha situación de pandemia para facer unha cidade segura, cómoda, inclusiva e fermosa.
  4. O valor transformador dalgunhas actuacións tácticas realizadas, así como a planificación integrada co resto de modos de transporte, especialmente a bicicleta.
  5. A estratexia de comunicación baseada na campaña «Rúas abertas», cunha web propia, que explica e ofrece un marco de referencia a todo o conxunto de actuacións que se están a levar a cabo.

SORIA

Na categoría de Municipios Medianos, de 20.000 a 100.000 habitantes, na que foi galardoado Carballo no ano 2018, o xurado elixiu a candidatura de Soria, valorando moi positivamente:

  1. A globalidade da proposta, que non só se centra na peonalización de áreas centrais, senón que tamén ten previsto incidir sobre a reconversión das súas tres travesías (gañando espazo para as beirarrúas, o verde urbano e as bicicletas).
  2. A aposta por peonalizacións puras, cun alcance integral.
  3. As transformacións buscan o carácter estancial das rúas, entendendo o peón non só como un mero modo de transporte.
  4. A promoción de accións que non son de transformación física das rúas, senón de fomento do camiñar, como as quedadas monitoradas para persoas maiores, as campañas de mobilidade escolar ou o metrominuto.

NINGÚN MUNICIPIO PEQUENO

Á convocatoria deste ano presentáronse 10 candidaturas, aínda que unha delas retirouse antes do fallo. O premio a municipios de menos de 20.000 habitantes quedou deserto ao non presentarse ningunha candidatura. A Rede non ofrece información sobre as candidaturas non premiadas.

Os premios Cidades que Camiñan son os galardóns anuais da Rede de Cidades que Camiñan que recoñecen os avances na transformación urbana cara a modos de convivencia máis sostibles, especialmente os relacionados co espazo público e a mobilidade das persoas.

PREMIO HONORÍFICO

O Premio Honorífico non se outorga cada ano, senón cando existe algún motivo especial. Anteriormente só se outorgou un, ao municipio de Bilbao, polos seus avances en camiñabilidade e pouco antes de converterse na primeira cidade maior de 300.000 habitantes (nunha área de 1.000.000) en establecer a velocidade máxima de 30 km/ h en todas as súas rúas.

O Premio Honorífico outorgado a París é, polo tanto, o segundo que concede a Rede, motivado polo papel de liderado que exerce a cidade no mundo para a transformación das grandes cidades en espazos máis sostibles. Tanto a divulgación da teoría da Cidade dos 15 minutos, como as medidas concretas relacionadas co aumento do espazo peonil, a mobilidade ciclista ou a redución do aparcamento, xerou unha corrente de admiración que é necesario destacar, apoiar e visibilizar ao máximo, como exemplo de gran cidade que merece ser imitada.

Os premios habituais son tres e concédense cada ano a municipios pequenos (inferiores a 20.000 habitantes), medianos (entre 20.000 e 100.000) e grandes (maiores de 100.000 habitantes), de tal maneira que calquera municipio, independente do seu tamaño, poida ser premiado pola Rede.

Compartir: