MELLORAS NOS AREAIS
O Concello anuncia o remate das obras no novo aparcadoiro da praia de Razo
Mércores 31 de agosto do 2005
O novo aparcadoiro contará cun total de 341 prazas de estacionamento gratuíto, das cales 7 estarán reservadas a minusválidos. O pasado 9 de agosto, a empresa adxudicataria rematou o asfaltado da zona e estableceu a distribución e o número de prazas habilitadas. A empresa explicou que "se o tempo acompaña" as prazas estarán listas para o seu uso a partir do 31 de agosto.
A mellora do aparcadoiro de Arnados é a primeira das accións previstas polo Concello para acondicionar o espazo Razo - Baldaio, o principal atractivo lúdico - turístico de Carballo. Este espazo deteriorábase cada inverno a causa da chuvia, polo que o Goberno municipal tiña que amañalo cada verán.
O areal de Razo - Baldaio ten unha lonxitude de 5,5 km. e constitúe un dos maiores atractivos turísticos de Carballo. A praia de Razo foi galardoada un ano máis co distintivo europeo Bandeira azul, que avala a limpeza das súas augas e o acondicionamento das súas instalacións. Con este novo aparcadoiro, o Goberno municipal pretende mellorar os servizos da praia así como potenciar a chegada dos visitantes no verán.