OBRAS
Comezan os traballos para habilitar o campo da feira da Milagrosa
Xoves 7 de xullo do 2005
O comezo destas obras que permitirán habilitar a zona da Milagrosa é unha mostra da aposta decidida do Goberno municipal pola creación desta Casa dos Oficios. Os encargados de construíla son os alumnos da nova Escola Obradoiro que comezou o 30 de xuño.
O Concello de Carballo promove, dende o ano 1997, a creación das escolas obradoiro municipais centradas na recuperación, rehabilitación e construción de contornos urbanos e de zonas verdes, como o Pazo da Cultura ou o parque do Anllóns. Neste ano 2005 foille concedida pola Consellaría de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, esta cuarta Escola Obradoiro.
Obras de saneamento, urbanización e mellora de viais
Na reunión da Xunta de Goberno Local do 7 de xullo aprobouse tamén a adxudicación de obras relacionadas co saneamento e co acondicionamento de distintas parroquias do Concello, como a construción de beirarrúas en Xoane (Goiáns), a urbanización das zonas de Noicela, Lema e Rebordelos ou o asfaltado do camiño rural Espiño-Bas e da vía entre o río Loenzo- Polígono. O obxectivo destes proxectos consiste en contribuír a mellorar a rede de comunicacións internas do municipio e en dotar de servizos básicos os núcleos rurais.
Na Xunta de Goberno Local adxudicouse, ademais, o saneamento da zona Bosque, que se inclúe no proxecto europeo Interreg; ademais da remodelación e mellora da pranta soto do Concello e da primeira do antigo edificio de xulgados.