O goberno local pon en marcha a contratación de tres novas obras do ciclo integral da auga por máis de medio millón de euros
As actuacións previstas consisten na mellora da rede de abastecemento en 20 rúas, a conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do río Anllóns e as redes de abastecemento e saneamento de Vilar de Uz
Venres 1 de outubro do 2021 Carballo ao día
Depósito de Seixo Branco
Tras a súa aprobación, esta mesma semana, pola Xunta de Goberno Local, xa están en licitación tres novas obras que nos permitirán seguir avanzando na extensión do ciclo integral da auga a todo o territorio municipal. O Concello de Carballo realizará un investimento de 544.545,64 euros con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña.
- Melloras da rede de abastecemento en 20 rúas urbanas: Antón Fraguas, Muíño, Río Miño, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Enxeñeiro Barreira, Anduriña, Gran Vía, Lousa e Titanio (polígono de Bértoa), Vázquez de Parga, Muíño, Mendel, Camiño do Bosque, Pan, Gardenias, Doutor Severo Ochoa, Tarragona, Dalias e Nacente. O obxectivo xeral das actuacións previstas, que teñen un custo de 169.192,22 euros, é a mellora das presións da rede, a cloración e a garantía do subministro.
- Conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do río Anllóns, cun orzamento de 145.158,91 euros, coa finalidade de mellorar a garantía de subministro do sistema de abastecemento de Carballo e facilitar as operacións de mantemento.
- Rede de saneamento e abastecemento de auga en Vilar de Uz (Oza), cun orzamento de 230.194,51 euros. A obra de saneamento consiste na instalación de 1.550 metros de tubaxes, así coma de 515 de rede de impulsión dende o pozo de bombeo e de 43 pozos de rexistro. A de abastecemento inclúe 1.478 metros de canalizacións. Tamén está prevista a reposición das vías afectadas.
Todas estas obras responden á filosofía dos estudos directores elaborados polo Concello de Carballo para mellorar os servizos do ciclo integral da auga. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas está aberto ata o 25 deste mes de outubro.