O "Proxecto Anllóns" comeza a súa andaina coa constitución formal do seu Consello de Dirección
Os cinco concellos ribeiregos formalizaron a semana pasada o convenio marco e hoxe reuníronse en Cabana de Bergantiños para a posta en marcha do ente xestor
Xoves 30 de setembro do 2021 Carballo ao día
Participantes na xuntanza de hoxe (Foto: Concello de Cabana de Bergantiños)
Tras a formalización do convenio marco do Proxecto Anllóns o venres pasado, o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presidiu esta mañá a xuntanza na que se constituíu formalmente o Consello de Dirección. A reunión, que tivo lugar no Concello de Cabana de Bergantiños, tamén serviu para presentar a empresa que se ocupará de realizar a diagnose medioambiental e unha proposta de actuacións turísticas sustentables para a contorna do río Anllóns.
Xosé Regueira asegurou que "todo este proceso que levamos realizando desde a Deputación da Coruña para chegar a este proceso de colaboración entre concellos para poñer en valor o gran potencial fluvial que temos, tanto a nivel de turismo como de patrimonio natural e incluso de carácter industrial, permitiranos traballar incluso coa perspectiva de candidatarnos a Fondos Next Generation". Neste sentido, o vicepresidente lembrou que "este proxecto non só será unha posibilidade de diversificación de fluxo turístico senón que, sobre todo, será unha posibilidade de mellorar a saúde ambiental e calidade das augas do río Anllóns, que vertebra una boa parte da comarca de Bergantiños".
O Consello de Dirección do Proxecto Anllóns está conformado por dúas persoas representantes da Deputación e dúas de cada concello integrante da comunidade intermunicipal, e está presidido, durante o primeiro ano, por Cabana de Bergantiños por ser o concello de menor poboación, representado polo seu alcalde José Muíño. Na xuntanza desta mañá, ademais de Xosé Regueira e José Muíño, estiveron presentes os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero; Coristanco, Juan Carlos García Pose; Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, e o tenente de alcalde da Laracha, José Ramón Martínez Barbeiro, así como persoal técnico de Turismo dos concellos e da Deputación.
Obxectivos do proxecto
Xosé Regueira explicou os obxectivos do proxecto (Foto: Concello de Cabana de Bergantiños)
Regueira destaca que o "proxecto pretende poñer en valor, en primeiro lugar, a riqueza ecolóxica e a biodiversidade do trazado do río Anllóns, mais tamén desenvolver accións relacionadas co patrimonio inmaterial e mesmo coa identidade cultural relacionada co propio río". Neste sentido, salienta a importancia do propio trazado do río que nace na parroquia de Soandres, no concello da Laracha, e percorre a comarca natural vertebrándoa ata desembocar no estuario de Anllóns, entre Ponteceso e Cabana.
Co obxecto de preservar a biodiversidade e o patrimonio natural propio desta comarca, o proxecto contemplará accións de recuperación do bosque de ribeira e a erradicación da flora alóctona e plantas invasoras en ámbitos próximos ao río, que serán complementadas con accións divulgativas entre a comunidade escolar.
Entre as iniciativas que se van incluír no proxecto tamén se valorarán as referidas ao patrimonio inmaterial e á identidade cultural relacionada co río Anllóns, como poden ser a recuperación de sendeiros de pescadores, a posta en valor de lendas e de historias de tradición oral ou iniciativas relativas a infraestruturas fluviais como minicentrais ou muíños de batán.
O convenio ten unha duración inicial de 4 anos.