Inicio Carballo ao día Hemeroteca O delegado do Goberno pon o proxecto Cicl-Ando...

O delegado do Goberno pon o proxecto Cicl-Ando Carballo como exemplo dos investimentos para unha Galicia "verde"

José Miñones visitou a oficina do DNI, asinou no Libro de Honra e realizou un percorrido por varias sendas da nova rede ciclo-peonil

Mércores 29 de setembro do 2021 Carballo ao día

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou hoxe Carballo para coñecer as actuacións que se están a desenvolver dentro do proxecto Cicl-Ando, co-financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), e que cualificou como un exemplo dos investimentos do Goberno do Estado para unha Galicia “dixital, verde, inclusiva e igualitaria”.

José Miñones, que chegou acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, foi recibido polo alcalde, Evencio Ferrero, que o acompañou nunha visita á Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, situada en dependencias cedidas polo Concello de Carballo na planta baixa do edificio consistorial.

De seguido mantiveron un encontro na Alcaldía, onde José Miñones asinou no Libro de Honra. Delegado e subdelegada foron agasallados polo alcalde con cadanseu molete de Pan de Carballo.

Posteriormente realizaron un percorrido por algunhas das nove sendas ciclo-peonís que se están a construír dentro do proxecto Cicl-Ando Carballo. Evencio Ferrero vinculou este investimento ás políticas de mobilidade sostible promovidas polo goberno municipal de Carballo e aproveitou a ocasión para reivindicar a capacidade dos concellos para xestionar fondos europeos, como se ten demostrado no noso concello non só con este proxecto, senón tamén con outros.

José Miñones referiuse tamén ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que chega a Carballo a través do Plan de Extensión de Banda Ancha que impulsa o Ministerio para Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que beneficia, segundo comentou, a 55 núcleos de poboación do rural do noso concello. "No Goberno traballamos convencidos do papel das administracións locais na construción desta Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria que materializaremos cos fondos europeos", expuxo Miñones.

No vídeo podedes escoitar as declaracións do alcalde e do delegado do Goberno.

Vídeos

Compartir: