Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un minuto de silencio na memoria do director do...

Un minuto de silencio na memoria do director do CMUS abriu o pleno ordinario de setembro

Aprobadas a relación de postos de traballo, as taxas para os novos nichos, a modificación do PXOM para a delimitación do núcleo do Monte e unha moción do PP

Martes 28 de setembro do 2021 Carballo ao día

Antes de iniciar o debate plenario, a corporación municipal gardou un minuto de silencio na memoria de Juan José Otero Pérez, director do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, falecido o sábado pasado. 

O voceiro do BNG e o concelleiro do PP Rubén Lorenzo polemizaron sobre a sanidade

O voceiro do BNG e o concelleiro do PP Rubén Lorenzo polemizaron sobre a sanidade

A sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro prolongouse durante dúas horas, nas que o debate estivo centrado na sanidade pública, a raíz dunha moción presentada polo PP para solicitar á Xunta a creación dun centro integral de saúde en Carballo e da emenda formulada polo BNG para demandar a construción dun segundo centro de saúde e o incremento das especialidades. Ningunha das dúas saíu adiante, xa que os populares non aceptaron a emenda dos nacionalistas e estes, en consecuencia, votaron en contra da iniciativa do PP, que si foi apoiada por PSOE e TeGa.

Si foi aprobada, grazas aos votos favorables de PP e BNG e as abstencións de PSOE e TeGa, outra moción dos populares na que se solicita do Goberno do Estado a dotación de máis persoal sanitario. O texto íntegro pode descargarse máis abaixo.

O PSOE, que tamén presentara unha moción relativa ás prazas de comedor no CEIP Canosa-Rus, retirouna por estar o problema xa solucionado.

A corporación municipal aprobou de xeito definitivo, por outra banda, a relación de postos de traballo do Concello de Carballo tras a resolución de alegacións. Neste punto TeGa votou en contra, e o PP abstívose, en tanto que PSOE e BNG votaron a favor. Así mesmo, saíu adiante, coas abstencións dos tres grupos da oposición, a modificación da ordenanza fiscal número 15 para establecer as taxas dos novos nichos e columbarios do cemiterio municipal. A modificación puntual do PXOM para proceder á delimitación do núcleo rural do Monte saíu adiante por unanimidade.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa formulou un rogo sobre o estado da madeira da praia de Razo, cuxo arranxo xa conta con consignación orzamentaria, e unha pregunta sobre o funcionamento da Biblioteca Rego da Balsa.

Descargas

Compartir: