Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aprobará no pleno de...

A corporación aprobará no pleno de setembro as taxas para os novos nichos e columbarios do cemiterio municipal

Os prezos propostos, en función dos custes da obra, son de 840 euros por nicho e 330 por columbario

Xoves 23 de setembro do 2021 Carballo ao día

Así avanzan as obras de ampliación do cemiterio

Así avanzan as obras de ampliación do cemiterio

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de setembro, convocado para o luns 27, a modificación da ordenanza fiscal que regula as taxas do cemiterio municipal co obxectivo de establecer os prezos para os novos nichos e columbarios. “Trátase de axilizar os trámites para poder realizar as adxudicacións cando rematen as obras”, tal como explicou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero.

Para paliar esta escaseza e dar resposta a altísima demanda de nichos, o Concello de Carballo elaborou un proxecto de ampliación que se desenvolverá en tres fases. A primeira, que é a que está en construción nestes momentos, inclúe 720 nichos e 96 columbarios. Con esta primeira fase non poderán atenderse todas as solicitudes, polo que no 2022 executarase unha segunda. Se aínda así continúa habendo demanda, no 2023 acometeríase a terceira, polo que todas as solicitudes serán atendidas a curto prazo. O Concello dispón xa dos terreos necesarios para acometer as tres fases, que inclúen un total de 1.824 nichos distribuídos 456 panteóns e 256 columbarios en 64 columnas.

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, durante a exposición dos asuntos do pleno

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, durante a exposición dos asuntos do pleno

O acordo que adoptará o luns o pleno da corporación permitirá establecer, unha vez supere o período legal de exposición pública, os prezos para os lugares de enterramento. Deste xeito, unha vez realizados os cálculos de todos os gastos (terreos, proxectos, execución das obras...), a taxa resultante é de 840 euros por nicho, o que supón 3.360 euros por panteón; e 330 euros por columbario. O alcalde lembrou que o Concello non pode ter beneficios, senón que debe limitarse a cubrir custos.

O Concello de Carballo porase en contacto con todas as persoas que presentaron solicitude nos últimos anos para saber se continúan interesadas, e a partir de aí estableceranse os criterios de adxudicación.

O alcalde, que presentou os asuntos do pleno acompañado pola concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, cualificou coma “unha necesidade” a ampliación en marcha, xa que non está dispoñible ningún dos 5.830 nichos cos que conta o cemiterio.

O resto dos asuntos que se abordarán na sesión ordinaria do luns poden consultarse na convocatoria anexa.

Descargas

Compartir: