SEMANA DA MOBILIDADE
Eliminadas en catro anos as barreiras arquitectónicas de 112 treitos de beirarrúas da zona urbana
O luns 21 volvemos a saír de ruta coa Asociación Íntegro para comprobar as obras realizadas a raíz do chequeo do ano pasado e para definir próximas actuacións
Martes 21 de setembro do 2021 Carballo ao día
Participantes no chequeo, co alcalde e o concelleiro de Mobilidade, no punto de saída
O mellor xeito de construír unha cidade á medida de todas e todos é pensar nas persoas que teñen máis problemas para moverse. Por iso, o chequeo á accesibilidade que levamos a cabo coa colaboración da Asociación Íntegro é unha actividade fixa no programa da Semana da Mobilidade, grazas á cal nos últimos anos fomos detectando obstáculos e poñéndolles solución.
Ademais das obras de reurbanización integral en 37 rúas, ou da construción de 18 quilómetros de sendas totalmente accesibles, dende o ano 2018 acometemos tres proxectos de mellora da accesibilidade urbana mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. En total realizáronse máis de 300 intervencións en 112 treitos de beirarrúas: construción de vaos de dúas e tres pendentes, instalación de baldosa podotáctil ou direccional, ampliación de beirarrúas, rebaixes e vaos elevados foron as principais actuacións, cun investimento total que supera os 470.000 euros.
Nestes momentos están en marcha algunhas desas actuacións, na súa maior parte no traxecto chequeado na Semana da Mobilidade do ano pasado. Deste xeito, as case trinta persoas que participaron no chequeo de onte, guiado polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, puideron comprobar as melloras realizadas. Neste sentido, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou o traballo desenvolvido polo Concello de Carballo, que cualificou coma un exemplo tanto na Costa da Morte coma mesmo a nivel de Galicia.
Actuación realizada nun dos puntos chequeados o ano pasado
O alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ao punto de partida da ruta, a Praza dos Bombeiros Voluntarios, para agradecer a colaboración da Asociación Íntegro. Dende ese punto realizouse un percorrido pola rúa Río Anllóns ata a Fomento, Praza de Galicia, Igrexa, San Martiño e Río Miño. Na rúa da Igrexa e na zona do San Martiño detectáronse os poucos puntos problemáticos do percorrido. O concelleiro de Mobilidade pediu aos usuarios e usuarias de Íntegro que lle fagan chegar as deficiencias que poidan detectar noutros puntos da vila, e emprazounos para un novo chequeo no ano 2022.
Instalación realizada na contorna do CEIP Fogar
A participación de Íntegro na Semana da Mobilidade non se limitou a esta actividade, senón que pola mañá, coincidindo co horario de saída do alumnado, realizouse na contorna do CEIP Fogar unha nova campaña sobre as prazas de mobilidade reducida, e para visibilizar os problemas cos que se atopan tantas veces ocuparon con cadeiras de rodas e outras axudas técnicas as prazas de aparcamento da rúa Vila de Ordes, ademais de repartir folletos informativos.