O proxecto "Carballo na memoria" está presente nas rúas a través de imaxes que nos conectan coa nosa historia
Instalado na Milagrosa un novo panel fotográfico que permite comparar distintas épocas da vila
Sábado 18 de setembro do 2021 Participación veciñal
O 2 de marzo do ano pasado instalamos na rúa Hórreo o primeiro dunha serie de paneis que inclúen fotografías antigas de Carballo e que nos permitirán comparar un mesmo espazo público en distintas épocas históricas. Esta semana quedou colocado o segundo, nun lugar tan emblemático coma a ponte que mesmo lle dá nome ao barrio da Milagrosa. De non ser pola capela e o convento, que se ven ao fondo á dereita, non sería doado recoñecer o cruce das rúas Berdillo, Compostela, Cemiterio Vello e Avenida da Milagrosa tal como podían velo os carballeses e as carballesas de hai un século.
A iniciativa forma parte do proxecto “Carballo na memoria”, que continúa a medrar coas achegas da cidadanía e conta xa con máis de 2.000 fotografías dixitalizadas. Grazas a ese gran fondo documental, co que vos convidamos a seguir colaborando, poderemos seguir estendendo o proxecto a outros espazos públicos. Tan só tedes que poñervos en contacto co Concello a través do enderezo comunicacion@carballo.gal para que poidamos escanear as vosas fotografías antigas e devolvelas en perfectas condicións xunto cunha copia dixital.
Dentro dese proceso de recuperación da nosa memoria histórica tamén está a lona que colocamos nas antigas escolas do xardín co gallo do 90º aniversario da súa construción, xa no 2019, no que tamén cumpriron 90 anos a Praza de Galicia (antes Praza da Liberdade) e o Mercado Municipal. Co gallo desa efeméride, o historiador local Xan Fraga Rodríguez elaborara un libriño que segue a disposición das persoas interesadas, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello.