Inicio Carballo ao día Hemeroteca A brigada de traballadores/as da Risga...

A brigada de traballadores/as da Risga céntrase no mantemento de espazos naturais e mobiliario urbano

O Concello de Carballo conta este ano cun equipo de 10 persoas con contratos de nove meses de duración

Xoves 16 de setembro do 2021 Carballo ao día

Despois de pasar os recoñecementos médicos, realizar o curso de prevención de riscos laborais, tomar as medidas para os uniformes e recibir unha formación básica, as 10 persoas que integran a brigada de traballadores/as perceptores/as de Risga xa están a traballar nas tarefas que teñen encomendadas para os nove meses de duración dos contratos.

A Xunta de Galicia subvenciona as contratacións cun total de 140.103,90 euros, co obxectivo de que as persoas contratadas adquiran unha experiencia que lles permita acceder ao mercado laboral.

No noso caso, esa experiencia céntrase en dúas áreas de actuación. Un dos grupos encárgase da limpeza e mantemento de espazos naturais e elementos patrimoniais como as férvedas, os muíños de Lema ou a Ponte Lubiáns, e tamén forma parte das súas tarefas a eliminación de vexetación nas beirarrúas do polígono de Bértoa. O outro ten como cometido a rehabilitación de mobiliario urbano, tanto metálico coma de madeira, en distintos puntos do concello. Hoxe atopámolos, como podes ver na imaxe, na ponte da rúa Luis Calvo.

Compartir: